Comeza en Ourense o proxecto para a conservación de 13 quilómetros de travesías autonómicas
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa visita á rúa Progreso para comprobar o estado das actuacións na capa de rodaxe, nas beirarrúas e na sinalización para anunciar que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de iniciar a redacción do proxecto de conservación das travesías autonómicas no núcleo urbano de Ourense.
O delegado territorial sinalou que se trata de definir as intervencións para a rehabilitación do firme das distintas rúas de titularidade da Xunta de Galicia no municipio, con especial intensidade na OU-413, que se corresponde coa estrada de subida ao Seminario. Manuel Pardo precisou que o custo das actuacións estímase en 2 millóns de euros, se ben o investimento final concretarase no proceso de redacción do proxecto.
Na actualidade a Xunta ten rúas e avenidas de titularidade autonómica que transcorren polo núcleo urbano do municipio ourensá, totalmente integradas na trama urbana que chegan a unha lonxitude de 13 quilómetros. O seu mantemento e conservación supoñen un maior esforzo que noutras vías de titularidade autonómica debido ao seu carácter urbano e alta intensidade de tráfico. Así, baixo este proxecto, se estudarán as necesidades das rúas que son de titularidade autonómica, e que son, Río Arnoia, Progreso, Emilia Pardo Bazán, parte da rúa Velázquez, Bispo Lorenzo, Coruña, Peña Trevinca, Seminario, Sáenz Díez, Seixalbo, Bos Aires, Isaac Piñeiro Varela e Pena do Vado, Ponferrada, da Granxa e Avenida de Zamora.
Delas, actuarase ademais na conservación extraordinaria na OU-413, rúa de subida ao Seminario. En concreto, definiranse as actuacións de conservación que se precisen nestas vías, tanto nas beirarrúas como do firme da calzada, que poden ser complementadas con pequenas melloras na drenaxe, na sinalización e no balizamento; coas que se consiga unha mellora da vía onde se garantan as condicións mínimas de seguridade viaria na circulación.
O obxectivo é contar co proxecto a finais deste ano 2024, para a súa licitación no vindeiro ano 2025. Esta actuación sumarase a outras actuacións de conservación levadas a cabo pola Xunta de Galicia nos últimos anos, como as executadas en treitos da rúa Progreso e Avenida de Zamora neste 2024 ou na rúa da Granxa en 2023.
Cómpre destacar, tamén, as obras de maior intensidade como as executadas en Marcelo Macías (OU-540), en Otero Pedrayo (OU-536) e en Seixalbo (OU-105), nas que se mellorou a accesibilidade e a seguridade. Tamén subliñar os 5,4 quilómetros de sendas materializados en ámbitos como Ponte Sevilla (OU-105), Avenida de Ponferrada, Rabaza (OU-536), Montealegre (OU-101) e Valdorregueiro (OU-150). Tamén destacar o grande eixo de mobilidade sostible que se está a conformar entre a estación Intermodal e Expourense a través da Avenida das Caldas e do paseo do Barbaña.