Comeza o programa de visitas guiadas á exposición "Ourense no tempo"
Comeza o programa de visitas guiadas á exposición "Ourense no tempo", un proxecto organizado pola Xunta de Galicia, a través de la Cidade da Cultura, en colaboración con Afundación. Serán os días 15 de marzo e 2 de maio, a partir das 19.00 h, a cargo do comisario, Manuel Gago, e do coordinador local da exposición, José María Eguileta. Os días 21 de marzo, 4, 11, 18 e 25 de abril, e 9 de maio, tamén a partir das 19.00 h, estarán dirixidas polo servizo educativo de Afundación, a Obra Social de ABANCA.
A asistencia é gratuíta, previa inscrición. Esta actividade inclúese en "Cultura por alimentos", un programa solidario impulsado por Afundación en colaboración con FESBAL mediante o que podes colaborar cunha doazón de alimentos non perecedoiros ao asistir a esta visita.
Actividades escolares
A Área Educativa de Afundación tamén organizou unha completa programación para escolares, con actividades para todos os cursos para os que xa se inscribiron máis de 400 estudantes.
Así, os escolares desde educación infantil ata 4º de educación primaria poderán acudir á visita con conto e obradoiro STEAM-Sostibilidade "As lentes máxicas de don Vicente"; os estudantes desde 5º de primaria ata 2º de ESO poderán facer a visita con obradoiro STEAM-Sostibilidade "Esmorgantes pola historia de Ourense"; e finalmente, os estudantes de 3º e 4º de ESO, Bacharelato e Ciclos Formativos poderán facer a visita comentada con obradoiro "Ourense non tempo".
Ourense no tempo
"Ourense no tempo" estará na Sala de Exposicións Afundación de Ourense, na praza Maior da cidade, ata o 11 de maio. Supón a sexta da sete mostras que compoñen o proxecto "Cidades no tempo", iniciado no 2022 co obxectivo de reivindicar a identidade urbana de Galicia. A proposta pon agora o foco nunha das urbes máis destacadas a nivel cultural e industrial da Comunidade.
A través de 150 pezas de moi diferente tipoloxía, entre obxectos de alta cultura e cotiáns, documentos históricos, obras de arte, fotografías e publicacións, mapas, recreacións virtuais e arquivos sonoros, "Ourense no tempo" pon de manifesto a historia dunha cidade clave nas comunicacións de Galicia, tanto cara o litoral da Comunidade, como cara Castela e Portugal. Reflíctense así na exposición as consecuencias de ser un nó de camiños, a través dos cales chegaron moitas influencias tanto no artístico como noutros eidos, sendo tamén a cidade exportadora das súas propias correntes.
A mostra celebra o poder creativo das cidades facendo fincapé na grande actividade intelectual que definiu a identidade de Ourense para o conxunto de Galicia. Así, recrea nunha área un dos míticos cafés ourensáns, onde se teceron as redes de artistas e cidadáns que derivaron en importantes expresións do pensamento e da arte galegas.
A exposición está comisariada por Manuel Gago, doutor en Ciencias da Comunicación e director de culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega. Nesta ocasión conta co asesoramento, como coordinador local, do arqueólogo e escritor José María Eguileta.