Completado o traslado das unidades do hospital materno-infantil ás novas instalacións do Xeral

OurenseXa
Dende o Sergas insisten en que dito traslado responde “non só a unha cuestión estrutural, senón tamén a unha mellora significativa na calidade asistencial e funcional”
traslado-chuo-materno
31 Jul 2025

Un equipo de máis de cincuenta profesionais do Hospital Universitario de Ourense completou este mércores o traslado das unidades do hospital materno-infantil ás novas instalacións do Hospital Xeral.

Este operativo, explican dende o Sergas, implicou o movemento de pacientes, equipamento clínico e persoal sanitario, e foi posible “grazas a unha planificación previamente deseñada que combinou eficacia, coordinación e antelación”.

José Antonio Ortigueira Espinosa, Director de Atención Hospitalaria, e Josefa Rodríguez Araujo, Directora de Enfermaría da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras coordinaron este operativo que finalizou “sen ningún incidente e con exito na súa execución”, segundo apuntan dende a Área Santaria. O plan establecía a activación progresiva das distintas áreas asistenciais no novo edificio, permitindo manter a continuidade da atención en todo momento.

Dende o a Área Sanitaria explican que “detrás do éxito desta operación estivo o traballo conxunto dun equipo multidisciplinar formado por profesionais de enfermaría e facultativos dos servizos implicados, persoal de mantemento, técnicos de informática, Electromedicina, responsables de loxística, limpeza, servizo de admisión e as direccións e supervisores das áreas correspondentes”.

A planificación, din, levaba semanas en marcha, e segundo José Antonio Ortigueira “o obxectivo principal era garantir a seguridade das pacientes e a continuidade da actividade asistencial, e conseguimos ambas as cousas grazas a un traballo perfectamente engranado”.

O novo Hospital Xeral acolle agora os servizos de obstetricia, xinecoloxía, neonatoloxía e pediatría nun espazo “máis moderno, funcional e accesible”. Así o aseguran dende a Área Sanitaria, pese ás múltiples críticas recibidas durante as últimas semanas por parte dee diversos colectivos que aseguran que as instalación “non cumpen cos requisitos mínimos esixibles”, especialmente o que respecta á sala de partos.

Porén, o Sergas insiste en que co traslado “dáse un paso adiante na reorganización da atención hospitalaria, cunha aposta clara pola centralización de servizos en contornos máis eficientes e humanizados”.
O doutor Ortigueira salienta que “o traslado ao edificio Cristal do Hospital Xeral responde non só a unha cuestión estrutural, senón tamén a unha mellora significativa na calidade asistencial e funcional”.

Así na área de pediatría, situada xa na cuarta planta do Edificio Cristal, a hospitalización convencional sitúase agora nun contorno máis amplo e climatizado, mentres que os ingresos de saúde mental infanto-xuvenil contan con cuartos específicos. Tamén se unifican os coidados intensivos neonatais e pediátricos nun espazo común, renovado e con equipamento actualizado.
Na área de obstetricia, na primeira planta do Edificio Cristal, reorganízanse os espazos para favorecer a proximidade e a eficiencia asistencial. As novas habitacións están reformadas, humanizadas e inclúen salas de lactación e coidados infantís, mellorando a experiencia das xestantes.

Na área de partos, na primeira planta do edificio cirúrxico, a prioridade foi, segundo o Sergas, a seguridade clínica e arquitectónica. As novas instalacións, insisten, aínda que provisionais, superan en calidade ás anteriores: contan con cinco salas de dilatación, un paritorio e un quirófano climatizados, con luz natural e acceso directo á UCI neonatal. Todo iso, din, permite garantir partos con privacidade, acompañamento e resposta inmediata ante urxencias, en contra da opinión de colectivos como Arrolos de Teta ou a Asociación de Matronas de Galicia, que levan tempo advertindo das carencias das instalacións.

O traslado prodúcese días despois dun novo derrube nun dos falsos teitos do materno, o cuarto en ano e medio, que evidencian a falta de mantemento dunhas instalacións que levan tempo nun estado que rozaba o abandono.

⚙ Configurar cookies
0.20755314826965