Constituída a mesa de traballo sobre os incendios forestais da Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense puxo en marcha este mércores a mesa de traballo sobre os incendios forestais, dando cumprimento ao acordo aprobado por unanimidade no pleno extraordinario celebrado o pasado 27 de agosto.
Os voceiros das catro formacións con representación provincial Patricia Torres (PP), Álvaro Vila (PSOE), Bernardo Varela (BNG) e Rafael Martínez (DO), reuníronse para constituír este órgano, que analizará tres ámbitos: a prevención, a extinción e as conclusións finais.
Segundo o establecido, crearase unha mesa específica de prevención, na que participarán alcaldes, gandeiros, comunidades de montes, sindicatos agrarios e axentes forestais; unha mesa de extinción, con Garda Civil, GES, Bombeiros do Consorcio, Emerxencias da Xunta, BRIF, Policía Autonómica e CIF de Servizos Forestais; e unha mesa de conclusións, que definirá medidas como os puntos de carga e outras propostas para remitir ás administracións competentes.
Os grupos políticos traballan agora na designación dos integrantes destas mesas e na fixación das datas de reunión. Tras o encontro, destacaron a boa sintonía e valoraron de forma positiva medidas como a asunción pola Xunta da limpeza das franxas secundarias, o que aliviará a carga dos concellos. “Todos os voceiros somos alcaldes e concelleiros e coñecemos a problemática, polo que a vontade é elaborar un documento construtivo”, sinalou a voceira do Goberno Provincial, Patricia Torres.
Durante a recente vaga de lumes, a Deputación de Ourense formou parte do CECOP desde o primeiro momento, mobilizando ata 65 efectivos do Consorcio Provincial de Incendios, algunhas veces con renuncia ás vacacións dos bombeiros. Tamén organizou o aloxamento de brigadas chegadas doutras provincias e puxo á disposición persoal e maquinaria para abrir pistas e limpar accesos. Ademais, colaborou con servizos como a instalación de fontes portátiles en Valdeorras, a través de AquaOurense, e o traslado de alimento para animais afectados polos incendios.