David Rodríguez: “Ourense é unha cidade moi solidaria”

OurenseXa
O presidente da Asociación Cultural As Canellas, que leva organizando a Gala contra o Cancro de Ourense dende o ano 2013, conta como evolucionou este evento ao longo das súas nove edicións
david-rodriguez-gala-ca-cer-ourense
David Rodríguez, presidente da Asociación Cultural As Canellas
12 Jan 2025

A novena edición da Gala contra o Cancro de Ourense regresa este domingo ao Auditorio. David Rodríguez, presidente da Asociación Cultural As Canellas e organizador do evento dende a súa primeira edición en 2013, conta como evolucionou a gala ao longo destes nove anos.

Como xurdiu a idea de facer esta gala?

A gala naceu en 2013. Despois tivemos que parar tres anos por culpa da Covid, e agora xa imos pola novena edición. Dende a asociación organizabamos actividades en Seixalbo, como presentacións de libros e outros eventos. Sempre nos gustou axudar e, ao final, por desgraza, todos temos algún amigo, familiar ou persoa próxima enferma de cancro, ou mesmo sufrímolo en carne propia. Por iso decidimos crear esta gala. Seguimos organizando outras actividades, pero agora estamos moi centrados nesta.

Como evolucionou nestes anos?

A verdade é que cambiou moito dende o principio, pero quero destacar que Ourense é unha cidade moi solidaria. Non sei como serán outras cidades, pero sei que Ourense volcouse coa nosa causa dende o principio. Creo que iso quedou demostrado ao longo dos anos, porque a xente implicouse moito, non só mercando entradas senón tamén colaborando coa fila cero, compartindo información, etc. Ao final, é unha gala benéfica na que involucramos a toda a cidade, dende equipos de fútbol, o COB, o público, ata o propio Auditorio. Hai anos mellores e outros peores. Uns anos esgotamos todas as entradas e outros non, pero a xente da cidade nunca nos fallou. Este ano esperamos o mesmo.

Canto recadades habitualmente?

En total levamos uns 50.000 euros sumando todas as edicións. Como dicía antes, hai anos mellores e peores, pero de media solemos recadar uns 7.000 euros por gala, aproximadamente. Ao principio a entrada custaba só 5 euros, subímola a 8 euros porque mesmo había xente que nos dicía que era moi “barato”. Agora, con menos entradas, recadamos máis.

Ademais dun labor social e benéfico, a gala tamén ten unha parte cultural ao dar visibilidade a artistas galegos.

Si, sempre. Sempre escollemos artistas galegos ou con raíces galegas. Aínda que nalgunha edición gustaríanos traer un artista a nivel nacional, posiblemente algún ano veñan artistas de fóra. Pero en principio queremos manter esa esencia máis "de aquí". Ao final, temos que axudarnos e tirar polas nosas raíces. Se non o facemos nós, non o vai facer ninguén. Por iso creo que é importante apoiar aos artistas galegos e, por suposto, aos de Ourense.

En varias edicións contamos con xente de aquí, algunha que estaba empezando e outra con máis traxectoria. Mesmo tivemos a Daniel Minimalia, que gañou un Latin Grammy. Houbo de todo. A verdade é que pasaron infinidade de artistas polas nove edicións da gala. Nas primeiras edicións botamos man de amigos. Non nos custou atopar artistas porque nunca dubidaron en participar, nunca tivemos problema. Susana Seivane, Daniel Minimalia, Emilio Rúa, Rosa Cedrón, Guadi Galego... Unha chea de artistas que sempre estiveron dispostos a vir.

Quen faltaría por vir?

Dígoo sempre que mo preguntan. A miña ilusión sería traer un ano a Luz Casal. Non só pola gran artista que é, senón tamén pola súa implicación en temas sociais e pola súa contribución á cultura en Galicia. Ademais, lóxicamente, pola súa traxectoria. Ao final, é alguén a quen todo o mundo coñece, non importa a idade que teñas, todos sabemos quen é. Espero que algún ano poida vir.

0.16508388519287