Deputados do PP de Ourense alertan no Congreso do aumento da inseguridade na provincia
Os deputados ourensáns do Partido Popular, Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado, denuncian "o aumento da criminalidade na provincia nos seis anos de goberno de Pedro Sánchez", tras coñecer o balance do primeiro semestre de 2024 publicado polo Ministerio do Interior.
Os representantes ourensáns no Congreso advirten que a criminalidade segue aumentando na provincia. Afirman que, comparando este semestre de 2024 co de 2018, cando gobernaba o Partido Popular, a criminalidade aumentou un 21,58%, pasando as infraccións penais do 3.772 entre xaneiro e xuño de 2018 a 4.586 no mesmo período de 2024. Segundo recollen os datos do Ministerio do Interior destaca o incremento das violacións nun 60%, as rifas tumultuarias un 90,9%, os delitos contra a liberdade sexual un 4,6%, ou os delitos de tráfico de drogas un 16%.
“Ás mulleres non se lles defende só con pancartas, deféndeselles dedicando recursos e medios”, proclaman os deputados ourensáns tras analizar os datos referidos aos casos de violencia de xénero, que se incrementaron un 56,56% na provincia desde xuño de 2018, pasando dos 3.232 casos en xuño de 2018 a 5.060 en xuño de 2024.
Neste sentido apuntan que o Ministerio do Interior mantén o mesmo número de efectivos dedicados a VIOGEN (Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero), o cal provoca que queden desatendidas as patrullas de seguridade cidadá ou doutros grupos operativos para axuda aos labores de VIOGEN e suplir a clamorosa carencia de persoal, pois na actualidade Interior ten dedicados ao citado sistema 11 Policías Nacionais e 17 Gardas Civís, segundo os datos proporcionados polo propio Ministerio.
Os datos de criminalidade referidos á provincia seguen a mesma tendencia á alza que en España: un 3% de incremento no primeiro semestre de 2024, pasando a taxa de criminalidade por cada mil habitantes de 43,9 puntos en 2017 a 51,7 na actualidade.
Catálogo obsoleto de efectivos da Garda Civil
Sobre a falta de axentes, os deputados ourensáns no Congreso engaden que o catálogo da Garda Civil está incompleto e obsoleto, cun un déficit de 150 axentes que fai que existan “cuarteis pantasmas” nos que se reduciu o horario de atención presencial ou os días que permanecen abertos: “O 90% dos cuarteis da provincia non abren todos os días nin as 24 horas”, denuncian.
Ante esta situación, os deputados rexistraron esta semana unha Proposición non de Lei para que o Goberno garanta a seguridade nas zonas rurais como dereito social básico e paralice o plan de desmantelamento da Garda Civil no rural español.
Entre as medidas que solicitan figuran manter a presenza da Garda Civil, colaborar cos concellos das zonas rurais no mantemento da seguridade cidadá, elaborar un Plan de Incentivo Profesional e Económico para os axentes que queiran ocupar os postos de baixa demanda do medio rural, aprobar en próximas convocatorias de emprego público para Garda Civil e realizar os investimentos necesarios para mellorar os Cuarteis da Garda Civil que se atopan en mal estado.
Ana Vázquez, Rosa Quintana e Celso Delgado esixen ao Goberno de Sánchez que “no canto de escusas e xustificacións ante o aumento da criminalidade adóptense solucións”. Un incremento, alertan, que se debe a que o modelo de seguridade do Goberno “desatendeu o que máis preocupa ao cidadán: poder pasear, traballar, divertirse e viaxar sen medo a ser vítima dun delito”.
Engaden os representantes populares que un país seguro “non é aquel que se dedica a xustificar -contextualizando datos, a pesar de ser tan manifestamente malos- os seus fracasos no deseño dunha política pública de seguridade eficaz. Ao contrario, é aquel que entende que a liberdade para vivir sen medo ao delito é un elemento nuclear da acción de Goberno”.