Descubrindo o patrimonio: a Colexiata de Santa María a Real de Xunqueira de Ambía
A Colexiata de Santa María a Real de Xunqueira de Ambía é unha das mostras máis destacadas da arte románica no rural galego. A súa construción data da segunda metade do século XII, aínda que ao longo do tempo experimentou diversas modificacións que incorporan elementos góticos e renacentistas.
A Colexiata foi declarada Monumento Nacional o 3 de xullo de 1931, en recoñecemento ao seu valor histórico e arquitectónico, e, hoxe en día, está consolidada como un dos grandes referentes culturais da arte románica na provincia.
Aínda que a data inscrita no lintel da Porta Grande é de 1164, esta probablemente fai referencia á súa consagración, e non á súa construción, que sería rematada posteriormente. Segundo os expertos, o proceso de construción do templo desenvolveuse en dúas etapas diferenciadas: a primeira incluíu as portadas, a cabeceira e as partes baixas, mentres que a segunda centrouse nas partes altas, xa con influencias góticas. Por este motivo, a súa arquitectura presenta elementos de varios estilos, aínda que predomina o románico.
ESTRUTURA
O templo ten unha planta de cruz latina con tres naves separadas por arcos apuntados e un cruceiro que culmina en tres ábsides semicirculares na cabeceira. As naves están cubertas por teitos de madeira sostidos por arcos transversais apuntados que se apoian en medias columnas adosadas a piares cadrados, e conta cun falso triforio sobre columnas xemelgas. A súa fachada reflicte a estrutura das tres naves mediante dous contrafortes e combina elementos románicos e góticos.
INTERIOR DO TEMPLO
Quizais o máis destacado no interior deste templo sexa o seu órgano ibérico de catorce rexistros, construído en 1758, considerado unha xoia da organería galega.
Ademais, nas naves destacan varios retablos, incluído o maior, unha obra renacentista das primeiras décadas do século XVI, realizada polo Mestre Xoán, Gaspar Salado e Pedro Bello, con influencias flamengas. O coro, de madeira de nogueira e estilo plateresco (1530-1540), posúe unha rica iconografía. No interior tamén se conserva a tumba do Cabaleiro Álvaro Sotelo, datada en 1508, que é o único sepulcro que se mantén na igrexa.
ORIXES
Segundo a tradición, a orixe do conxunto monumental de Xunqueira de Ambía remóntase ao século IV, cando se atopou unha imaxe da Virxe na lagoa de Juncaria. Sobre ese lugar erixiuse unha capela que foi o punto de partida para a fundación dun mosteiro familiar no ano 955 por Gonzalo Froila e Ilduara. Este mosteiro consolidouse como un priorado agostiño en 1150 baixo o padroado de Alfonso VII, marcando o inicio do seu crecemento en terras e privilexios.
No século XVI, os priores Alonso de Piña e Martín de Córdoba impulsaron reformas significativas que incluíron a reconstrución da igrexa, a construción do claustro, dun hospital e do retablo renacentista, así como a instalación do coro e do órgano. Durante esta etapa, o priorado adquiriu gran relevancia económica e cultural grazas ás doazóns e rendas xeradas.
A finais do século XVI, o priorado enfrontou conflitos legais con Felipe II, que asumiu o control do padroado e enviou a Martín de Córdoba como prior. Este reorganizou as propiedades e fortaleceu as finanzas do priorado. Porén, no século XVII, o priorado foi anexionado á diocese de Valladolid, o que xerou tensións co bispado de Ourense.
A decadencia chegou no século XIX coa abolición dos señoríos en 1811 e as desamortizacións de Mendizábal, que eliminaron o priorado como institución. A igrexa converteuse en parroquia en 1853, e o conxunto sufriu un período de abandono. No século XX, a Casa Episcopal albergou primeiro aos Irmáns das Escolas Cristiás e logo á Orde Mercedaria ata 2003. Hoxe en día, só a igrexa e as casas parroquiais permanecen como bens eclesiásticos.