Descubrindo o patrimonio: a Ponte Romana de Ourense
A Ponte Romana de Ourense, coñecida como Ponche Vella, foi a primeira das pontes da cidade e o único medio para atravesar o río Miño en moitos quilómetros desde a súa construción, na época romana, ata o século XX.
As súas orixes, segundo a tradición, estarían asociados á época de Trajano, aínda que polas súas características moitos expertos sinalan que se correspondería coa época de Augusto.
A ponte foi reconstruída varias veces ao longo dos séculos, con intervencións destacadas no século XIII e no século XVII, o que deixou unha gran pegada na súa estrutura, especialmente nos seus arcos apuntados. Da ponte romana orixinal só quedan algunhas bases con perpiaños almofadados, testemuñas do seu pasado
A primeira reconstrución documentada tivo lugar entre 1228 e 1229, grazas ao patrocinio do bispo Don Lorenzo e o apoio do rei Fernando III. Nesta intervención déuselle á ponte o seu perfil actual, cun impoñente arco apuntado e ramplas en ascenso, aínda que as deficiencias na cimentación fixeron que volvese caer en ruína pouco tempo despois.
Xa no século XVII, logrouse unha consolidación definitiva, obra do arquitecto Melchor de Velasco. Durante este tempo, a ponte tamén contaba cunha torre, representada no escudo da cidade, que foi demolida no século XIX. No seu estado actual, a ponte conserva 7 dos 11 arcos orixinais. O primeiro, na beira esquerda, aínda mostra vestixios da construción romana e permite deducir a altura orixinal da ponte.
A súa importancia histórica foi recoñecida en 1961 cando foi declarado monumento histórico-artístico, xunto coa próxima Capela dos Remedios. Ademais, é parte do Camiño Mozárabe Vía da Prata.