Descubrindo o patrimonio: a vila medieval de Allariz

A vila de Allariz, declarada Conxunto Histórico-Artístico no ano 1971, é, grazas ao seu extenso patrimonio arquitectónico, un dos destinos máis destacados da provincia. A través dos seus edificios e rúas, Allariz ofrece unha xanela ao seu pasado, un percorrido pola historia medieval de Galicia.
Durante a Idade Media, Allariz adquiriu un papel relevante tanto no ámbito político coma no relixioso. No século XI, durante o reinado do rei Afonso VI, levantáronse as murallas e o castelo que defendían a vila e, xa no século XII, o rei Afonso VII concedéulle o foro, outorgándolle así o status de Vila Real.
Un dos elementos máis emblemáticos da vila é a Igrexa de Santa María de Vilanova, construída no século XII en estilo románico. O seu ábsida semicircular e os capiteis decorados con motivos vexetais e figuras humanas son só algúns dos elementos que a converten nunha peza destacada do románico galego. O Convento de Santa Clara, fundado a finais do século XIII pola raíña Violante, esposa de Afonso X o Sabio, é outro dos grandes referentes de Allariz, reflexo da arquitectura monástica medieval. Nas proximidades do convento atópase a Igrexa de San Bieito, unha construción barroca que comezou a edificarse no século XVIII e que destaca pola súa lanterna e o seu campanario, elementos que ofrecen unha imaxe distintiva da vila. Pola súa banda, na Praza Maior podemos atopar Igrexa de Santiago, construída no século XII.
A Muralla de Allariz é outro dos vestixios da época medieval que se conserva na vila. Aínda que só se manteñen algúns pequenos tramos das antigas fortificacións que rodeaban o núcleo urbano, estas murallas permiten comprender a importancia estratéxica de Allariz ao longo da historia, especialmente en termos defensivos. No seu momento, contaba con máis de 1.000 metros de lonxitude e 11 torres. Así mesmo, o Castelo de Allariz, situado no Monte do Castelo, é outra das xoias arquitectónicas da vila. A súa construción aproximadamente no século XII foi esencial para protexer a vila de posibles invasións. Dende a súa localización, pódense gozar de vistas panorámicas que axudan a comprender mellor a xeografía de Allariz e o seu contexto histórico. Actualmente, o castelo está sendo obxecto dunha rehabilitación integral co obxectivo de recuperar este enclave e a súa contorna, que hoxe en día se atopa en estado ruinoso.
Outro dos principais atractivos turísticos de Allariz é a Ponte de Vilanova, construída no século XIII. Trátase dun claro exemplo da enxeñaría medieval galega. Esta ponte de pedra, cos seus arcos apuntados, conecta o casco antigo coa zona de Vilanova e foi testemuña da evolución da vila ao longo dos séculos.
Allariz conta ademais cun entramado urbano de gran beleza que destaca polas súas rúas estreitas e empedradas, ao longo das cales se atopan numerosos establecementos, especialmente dedicados ao sector téxtil, e que teñen convertido este lugar nun dos máis visitados da provincia.