Descubrindo o patrimonio: o Castelo de Maceda

O Castelo de Maceda é, sen dúbida, unha das fortalezas máis emblemáticas de Galicia. Cos seus orixes nos séculos XI ou XII, a súa torre da homenaxe, un dos elementos máis antigos, segue sendo testemuña da súa función defensiva orixinal. Foi construído, probablemente, por mandato real para protexer a zona e, co paso do tempo, converteuse nun importante símbolo de poder.
No século XII, o castelo pasou a formar parte da dote de Dona María Fernández, filla do conde de Traba e de Teresa de León, condesa de Portugal. Tras o seu matrimonio con Xoán Ares de Novoa, a fortaleza integrouse na familia Novoa. Desta familia aínda se conserva o seu escudo nos muros do castelo.
Ao longo da súa historia, o castelo sufriu varios ataques, sendo o máis importante o da Revolta Irmandiña a finais do século XV. Neste conflito, as forzas rebeldes destruíron boa parte da fortaleza. A pesar dos danos, o castelo foi reconstruído e seguiu funcionando como residencia señorial durante séculos.
Tras caer nun longo período de abandono, a fortaleza foi declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1949 e, en 1994, obtivo tamén a declaración de Ben de Interese Cultural. No ano 2003, a Xunta e o Concello de Maceda iniciaron a súa restauración. Hoxe en día, está reconvertido no Hotel Monumento Castelo de Maceda.
Residencia de Afonso X o Sabio
Un dos episodios máis significativos ligados ao castelo é a estadía do futuro Afonso X o Sabio, rei de León, Castela e Galicia. Nado en Toledo no ano 1221, Afonso foi enviado de neno a Galicia para ser criado polo nobre García Fernández de Villamayor e a súa esposa, Maior Arias. Crese que o pequeno príncipe pasou parte da súa infancia en Maceda, o que explicaría por que o seu pai, o rei Fernando III, lle outorgou unha vila no municipio como agradecemento polos servizos prestados por García Fernández.
Durante a súa estadía en Maceda, Afonso X puido entrar en contacto coa lingua galego-portuguesa, o que moitos consideran que influíu na creación das súas famosas Cantigas, unha das producións literarias máis importantes da Idade Media. Aínda que outras localidades, como Allariz, tamén reclaman este vínculo, en Maceda están convencidos de que foi no seu castelo onde o futuro monarca pasou a súa infancia, e isto é motivo de orgullo para os seus veciños. Por iso, a tradición asegura que foi aquí onde aprendeu o idioma galego.