Descubrindo o patrimonio: o Castro de Trelle

OurenseXa
O asentamento une os concellos de Toén, Cartelle, Barbadás e A Merca, e recentemente foi obxecto dunha escavación promovida pola Asociación Amigos do Patrimonio de Toén e pola Asociación Cultural Porta da Cadea de Barbadás
castro-de-trelle
14 Sep 2025

Situado entre os concellos de Toén, Cartelle, Barbadás e A Merca, nas proximidades da parroquia de Santa María de Trelle, atópase o Castro de Trelle, que forma parte dun conxunto de elevacións coñecidas na zona precisamente como os Castros de Trelle.

O asentamento foi descrito por primeira vez en 1928 por Florentino Cuevillas e Xaime P. Colemán na revista Nós. Alí recollíase que estaba construído na cima dun macizo de pequenos montes, con dous recintos concéntricos en forma de terrazas ovais, delimitados polos seus respectivos parapetos. Cuevillas apuntaba que o terraplén superior alcanzaba uns oito metros e o inferior uns seis, o que dá idea da envergadura do poboado. “Este é un castro de 2 recintos, ó xeito de dúas terrazas ovais, superpostas e concéntricas, cinguidas polos seus respectivos terrapléns, de 8 m de alto o da cima e de 6 m o de abaixo”, dicían ambos intelectuais, tal como recolle a Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén, unha das precursoras para a súa recuperación e posta en valor.

Ao longo do tempo, o castro viviu distintos avatares. Entre mediados dos anos corenta e finais dos cincuenta, durante a apertura dunha pista forestal, apareceron unhas pezas metálicas atopadas por un veciño e, décadas despois, nos anos setenta, documentáronse materiais recollidos en superficie, como cerámicas, unha fíbulas de bronce ou grans de cereal carbonizados, que pasaron ao Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Tamén se ten constancia de expolios clandestinos anteriores a 1970 que afectaron á zona.

En 2024, o Castro de Trelle volveu ser obxecto de atención con novas escavacións arqueolóxicas. Nelas participaron representantes das mancomunidades de montes de Moreiras-Trelle e Loiro-Bentraces-Sobrado do Bispo, xunto coa Asociación Amigos do Patrimonio de Toén e coa Asociación Cultural Porta da Cadea de Barbadás. Estas intervencións buscan non só avanzar no coñecemento científico, senón tamén implicar á poboación local na recuperación e posta en valor do xacemento.

O castro non só deixou pegada material, senón tamén cultural. Na tradición oral aparecen lendas como a do xigante do castro de Trelle, que falaba dun cabrito e dunha cabra de ouro ocultos nunha fonte próxima. Tamén se transmitiron historias sobre os míticos mouros, antigos moradores da Galicia lendaria, que terían deixado as súas armas agochadas nos parapetos defensivos. Estes relatos, recollidos por investigadores nos anos vinte e posteriores, mostran como o lugar formou parte do imaxinario colectivo das parroquias próximas, e agora son difundidos pola Asociación de Amigos do Patrimonio de Toén.

⚙ Configurar cookies
0.093635082244873