Descubrindo o patrimonio: o reloxo do Facho de Quintela de Leirado

Situada no monte do Facho, en Quintela de Leirado, a Torre do Reloxo é unha construción histórica que data da década de 1930 e cuxo principal obxectivo era facilitar a organización das quendas de rega, especialmente durante a noite, cando o reloxo de sol da Igrexa de San Pedro en Leirado non era de utilidade.
Esta torre, construída en pedra, alberga un reloxo de funcionamento artesanal cuxa maquinaria pesa arredor de 150 quilogramos e que foi doado polos emigrantes de Arxentina nos anos sesenta. Trátase dunha das poucas torres de reloxo exentas que existen en Galicia, é dicir, que non están anexas a ningún outro edificio. No ano 2009, engadíuselle unha estrutura metálica con escaleiras e balcóns, converténdoa nun miradoiro con vistas privilexiadas de Quintela de Leirado e da Serra do Laboreiro e Penagache.
Co paso do tempo, a torre foi obxecto de varias modificacións, entre elas a instalación de antenas de telefonía móbil, o que xerou debates sobre o seu impacto no valor patrimonial e histórico do monumento. Ademais, a instalación fai imposible que hoxe en día poda subirse á súa cima.
Na actualidade, a Torre do Reloxo do Facho segue sendo un referente para a comunidade local, reflectindo o esforzo e a unión dos seus habitantes e, de feito, dende 1992 está declarada como Ben Municipal.