Descubrindo o patrimonio: San Miguel de Desteriz

A igrexa parroquial de San Miguel de Desteriz, situada nesta parroquia do concello de Padrenda, érguese sobre un outeiro de máis de 160 metros de altura, coroando este lugar en pleno val do Miño.
Este templo barroco, do século XVII, podería estar asentado sobre os restos dun antigo castro ou dunha fortaleza de vixilancia, como demostra a presenza dunha parte da muralla defensiva aínda visible nas proximidades.
Desteriz foi, ademais, paso dunha ruta xacobea que unía Portugal con Santiago, tal e como amosan os restos artísticos que se conservan no lugar. Así, na bóveda da igrexa pódese ver unha pintura de Santiago Apóstolo peregrino, xunto con outras imaxes murais do século XVIII que representan apóstolos, evanxelistas e diferentes figuras relixiosas.
Antigamente, o altar maior acollía unha talla de Santiago que se perdeu tras a reforma impulsada polo Concilio Vaticano II, que promoveu a retirada de elementos que puidesen distraer a atención do Sagrario.
O templo está dedicado ao Arcanxo San Miguel, representado como un anxo cunha armadura de xeneral romano.
Alén do seu interior, o lugar destaca polas impresionantes vistas sobre o val do Miño. Desde alí pódense contemplar espazos como o encoro da Frieira e as paisaxes deste municipio ourensán.