Descubrindo o patrimonio: San Pedro de Moreiras

OurenseXa
A Igrexa de San Pedro de Moreiras, situada na parroquia de Moreiras, en Toén, é un dos lugares máis emblemáticos do barroco galego
San pedro de Moreiras
San Pedro de Moreiras
11 May 2025

A poucos quilómetros da capital ourensá, no concello de Toén, podemos descubrir numerosos lugares cun gran valor cultural, natural e patrimonial. Un dos máis coñecidos da zona é a Igrexa de San Pedro de Moreiras. Trátase dun lugar que realmente impresiona a quen o visita e que garda entre as súas paredes séculos de arte e historia.

Aínda que o seu aspecto actual é froito de reformas realizadas no século XVIII, a orixe deste templo remóntase a moitos séculos atrás, posiblemente á época do románico, entre os séculos XII e XIII. Hoxe en día, a súa fachada principal é un dos mellores exemplos da arquitectura barroca na provincia.

A estrutura orixinal, segundo os historiadores, era unha igrexa dunha soa nave rectangular, construída con sólidos muros de cachotaría e aspilleiras que aínda se poden ver, especialmente no muro sur. Co paso do tempo, o edificio foi medrando, adaptándose ás novas necesidades litúrxicas e aos estilos arquitectónicos, ata adquirir a planta de cruz latina que presenta na actualidade.

No interior do templo pódense atopar algúns elementos visibles da que sería a súa primeira fase construtiva, como os canzorros esculpidos, algúns decorados con bustos, cabezas ou flores de catro pétalos, que se poden observar nunha capela lateral. Aínda que hoxe foron reubicados, serviron de modelo para a cornixa actual que percorre o edificio.

O cruceiro, cuberto por un cimborrio que se ergue sobre o conxunto, marca o centro dun templo que soubo combinar diferentes épocas e que se foi transformando ao longo dos séculos. Dúas capelas laterais ábrense a ambos lados, conferíndolle ao conxunto a característica forma de cruz. O presbiterio, lixeiramente elevado con respecto ao resto da nave, está cuberto por unha elegante bóveda de caixóns que achega solemnidade ao espazo sagrado.

A fachada principal é un dos elementos que máis impresionan aos visitantes. De estilo barroco, presenta tres corpos separados por columnas e está coroada por dúas torres que destacan no horizonte.

⚙ Configurar cookies
0.16650915145874