Eduardo Rodríguez, do Festival de Jazz Primavera, gaña o premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2024
O xurado do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural 2024 reuniuse no Centro Cultural Marcos Valcárcel para avaliar as candidaturas presentadas a este certame, instaurado pola Deputación de Ourense para destacar a figura do insigne intelectual ourensán. Na reunión, o xurado escolleu aos gañadores desta edición de entre as dezanove propostas presentadas ao certame.
O primeiro premio, para profesionais culturais, dotado con 3.000 euros, recaeu en Eduardo Rodríguez organizador do Festival de Jazz Primavera do Café Latino e que este ano chegará á súa vixésimo sexta edición, convertendo á cidade de Ourense nunha referencia para os amantes deste estilo musical.
O segundo premio, para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, dotado con 2.000 euros, foi para a asociación cultural Telón e Aparte, que organiza en Carballo (Lugo) o Festival Internacional de Teatro (FIOT), cun programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo de máis de tres décadas de existencia.
Finalmente, o terceiro premio, para proxectos culturais, dotado con 1.000 euros, foi para o Concello de Carral, cuxo certame de poesía, que alcanza a vixésimo sétima edición, constitúe un dos eventos literarios máis prestixiosos de Galicia.
Premios por cada unha das catro provincias galegas
Ademais dos premios outorgados ao amparo destas tres categorías, o certame tamén entrega un premio de 1.000 euros por cada unha das catro provincias galegas. Pola provincia da Coruña, o xurado acordou conceder o premio á Fundación Eduardo Pondal polo proxecto “Festiletras”, que naceu na aldea do Couto (Ponteceso) no ano 1982, sendo un espazo para todos e un reflexo da tradición cultural galega.
Pola provincia de Lugo, o premio foi para a Fundación Uxío Novoneyra polo proxecto ”Patrimonio Courelao. Enxeñería Ourensana, exemplo da universidade da Galicia Interior”, promovido dende a aldea de Parada, en Folgoso do Courel.
En Ourense, a distinción foi para Óscar Penín Romero polo proxecto “Ruralisto”, entorno ao patrimonio e á cultura con especial atención ao rural, lanzado dende a localidade de Loiro (Barbadás). Por último, o galardón destinado a Pontevedra recaeu na Asociación Teatro Compañía Caracol, pola actividade que realizan dende Cambados para promover valores de respecto mutuo, diversidade e paz.
Premio especial
De acordo ás bases do certame, o xurado tamén concedeu un premio especial en base á proposta realizada pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural para o proxecto “Camino Escena Norte”, organizado polas asociacións Escena Galega, EscenAsturias, Acepae, Eskena e Escena Navarra, que baixo esta iniciativa de intercambio cultural das artes escénicas programan actividades en máis de sesenta sedes de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra.
Todos os premios irán acompañados dunha escultura conmemorativa realizada por un artista ourensán, así como dun diploma acreditativo.
Xurado
O xurado, presidido polo vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, estivo integrado ademais polo director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; Marcos Vázquez; Antonio Piñeiro, José Manuel Freiría, Eva Torres e Olga Mojón en representación da Deputación de Ourense; Carlos Lorenzo Pérez, en representación da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural; Francisco González polaAsociación Cultural Rodolfo Prada; e Aurelio Gómez Villar como secretario.