Elvira Carregado: "Para min, é unha honra e unha responsabilidade estar á fronte da Fundación Vicente Risco"

Por Raquel Pérez

A Fundación Vicente Risco de Allariz renovou, hai apenas unha semana, a súa xunta directiva. Elvira Carregado Pazos, ata agora tesoureira e vinculada desde hai anos ao Padroado da Fundación, onde ocupou distintos cargos, asumiu o posto de presidenta. Afronta esta nova etapa co claro obxectivo de dar continuidade ao legado de Vicente e Antón Risco. Acompáñana nesta responsabilidade José Fernández, como vicepresidente; Isabel Mociño, como secretaria; e Xosé Manuel Firvida, como tesoureiro.
Sobre o seu novo cargo, Carregado explica que esta non foi unha decisión repentina, senón unha forma de dar continuidade aos seus moitos anos de vinculación coa Fundación. "Pensamos que todos os membros do Padroado debemos asumir responsabilidades. No meu caso, levaba moitos anos na Fundación e, tras ter sido tesoureira, este paso parecía natural, non foi por nada especial".
Un obxectivo claro: poñer en valor o legado de Risco
A súa misión á fronte da Fundación é clara: "manter a continuidade do traballo realizado ata agora". O obxectivo final, explica, "sempre foi o mesmo". "O que queremos é traer o legado de Vicente Risco ao século XXI, darlle unha lectura actual, non só actualizándoo, senón poñéndoo no contexto do século actual para que todos poidan gozar do seu legado".
Carregado destaca que o fundamental é dar continuidade ás liñas de traballo establecidas. "A anterior presidenta, Celia Pereira, xa marcara o camiño que queremos seguir, igual que o fixo no seu momento Luís Martínez Risco. A idea é manter o que viñamos facendo antes, pero tamén achegar a nosa propia pegada, non só a miña, senón a de toda a directiva. Cada un de nós ten a súa especialidade e a súa perspectiva. Ademais, estamos en contacto coa Universidade da Coruña para algúns cursos, e iso seguramente se notará".
A creación dunha colección museográfica
Entre as prioridades a curto prazo, destaca a intención de converter a Fundación nunha colección museográfica, unha figura legalmente recoñecida pola lei de museos que permitirá preservar e difundir mellor o legado de Vicente Risco.
"Estamos ultimando a documentación para conseguir esta denominación. É un proceso que levamos tempo preparando e que permitirá que os fondos que temos, tanto artísticos como documentais, se xestionen e exhiban de forma máis axeitada", sinala. "Estou convencida de que a creación da colección museográfica será un punto de inflexión moi importante para a Fundación, aínda que esta non será absorbida pola colección museográfica, senón que ambas coexistirán e traballarán de forma complementaria". Destaca ademais que "é un ano moi bonito para logralo", xa que en 2025 a Fundación celebra o seu 30 aniversario.
Un ano de celebracións
Este ano tamén é especialmente significativo para a Fundación, xa que coincide co centenario do nacemento de Virxilio, amigo persoal de Risco e un dos padriños da institución. Para conmemorar esta data e honrar o legado do artista, tal e como explica a presidenta, estase a preparar unha gran exposición con máis de 100 debuxos inéditos do creador. A mostra non só rende homenaxe á súa figura, senón que tamén permitirá visibilizar o rico patrimonio que custodia a institución.
"Ademais, este ano tamén está marcado pola declaración do 'Ano Castelado' por parte do Parlamento de Galicia", apunta Carregado. Neste contexto, a Fundación Vicente Risco organizará unha exposición dedicada aos fondos relacionados con Ramón Otero Pedrayo, fortalecendo os lazos con outras institucións culturais galegas.
"Temos moi boa relación coa Fundación Castelado e estamos en contacto co seu presidente para organizar unhas xornadas conxuntas a finais de ano", adianta Carregado. "Do mesmo xeito que había unha irmandade entre os fundadores, agora tamén existe esa irmandade entre as fundacións".

Visibilizar o patrimonio
De cara ao futuro, Elvira Carregado ten claro que a Fundación debe seguir ampliando o seu alcance e público. "Queremos chegar a máis xente, non só a quen ten interese na literatura ou no pensamento político, senón tamén a quen se sente atraído pola arte, a etnografía ou o xornalismo. Por exemplo, un dos proxectos nos que estamos a traballar é unha exposición sobre Risco como pedagogo", explica.
Unha das prioridades será visibilizar os fondos que, ata agora, permanecen gardados e fóra do alcance do público xeral. "Aínda que temos boa parte do material dixitalizado e accesible para investigadores, cremos que é fundamental que o público poida coñecelo de primeira man. Iso é algo que queremos cambiar, porque sería unha perda non mostrar todo o que temos".
Para acadar estes obxectivos, o Padroado decidiu reactivar os grupos de traballo, unha fórmula que xa funcionou no pasado e que permitirá aos membros da Fundación achegar os seus coñecementos e habilidades específicas ás distintas áreas.
A pesar dos retos que supón asumir a presidencia, Carregado non perde de vista a responsabilidade que implica continuar o traballo iniciado hai tres décadas. "Para min, é unha honra e unha responsabilidade estar á fronte da Fundación. Non son a máis especialista en Risco dos membros, pero levo anos comprometida co seu legado e agora tócame desempeñar un papel máis institucional. Estou convencida de que, co traballo conxunto do Padroado, conseguiremos impulsar a Fundación na dirección correcta", conclúe.