Entra en funcionamento a nova UCI do CHUO

A nova UCI do CHUO xa está a funcionar a pleno de rendemento. Este xoves, completouse o traslado dos pacientes ás novas instalacións, que entraron oficialmente en funcionamento o martes.
O novo espazo está dotado con 3 módulos con 10 boxes cada un; deles, 6 boxes son de illamento; ademais de zonas de observación e locais de apoio. En total actuouse sobre unha superficie de 2.649m2, o que permitiu aumentar o espazo xa existente un 30%, pasando de 20 a 30 camas.
Esta nova UCI converte ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense no primeiro en contar cunha unidade preparada para a posible irrupción de pandemias, con espazos adaptados, máis boxes de illamento e circuítos de aire individualizados. A nova unidade conta, ademais, con camas de altas prestacións, equipamento punteiro que facilita a asistencia médica, seguimento dos doentes e labor de coidados de enfermería.
O ano pasado, pasaron pola UCI de Ourense preto de 1.100 persoas, cunha estancia media lixeiramente por riba dos 5 días de ingreso. Coa nova unidade, búscase mellorar os resultados en saúde da provincia e seguir rebaixando os tempos de espera.
Neste senso, na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rexistrouse en 2024 unha baixada significativa nos tempos de espera en cirurxías, primeiras consultas co especialista e realización de probas. Especialmente significativa é o caso da consulta, con case 44 días menos que a media do ano anterior.