Escolares de 4º de Primaria de Barbadás participaron na tradicional Regueifa de Comadres

O Concello de Barbadás, a través da Concellería de Educación, organizou este xoves a tradicional Regueifa de Comadres para o alumnado do CEIP Filomena Dato e do CEIP O Ruxidoiro, dando así inicio aos días principais do Entroido no municipio.
Medio cento de nenos e nenas de 4º de Primaria participaron nesta actividade, guiada por Sabela Gago e Flor Figueroa. A previsión de choivas obrigou a trasladar a celebración da Praza Vella da Valenzá aos patios dos propios colexios.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, o tenente alcalde, Daniel Rey, e o concelleiro de Educación, José Manuel Morgade, asistiron á regueifa, na que as nenas perseguían aos nenos para romperlles os compadres e os nenos corrían detrás das nenas para romperlles as comadres. “Estas regueifas forman parte da tradición do Entroido, por iso é importante que os máis pequenos as coñezan e as desfruten”, destacou Morgade.