Escolares de Ourense celebraron o Día de Rosalía no Concello

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu esta mañá a celebración do Día de Rosalía, en homenaxe ao aniversario do nacemento da escritora galega en 1837.
A actividade contou coa participación de alumnos e alumnas dos últimos cursos de Educación Primaria e da ESO de cinco centros educativos da cidade: Carmelitas, Franciscanas, A Purísima, Salesianos e Josefinas. Os estudantes, acompañados do seu profesorado, recitaron e musicalizaron varios poemas de Rosalía de Castro, convertendo o acto nun encontro cultural que reforza a presenza da autora na educación e na vida cultural de Ourense.
A conmemoración enmárcase dentro do calendario cultural galego e busca poñer en valor a obra literaria de Rosalía e achegala ás novas xeracións.