Estudantes do CEIP Padre Feijoo achegáronse á experiencia dos maiores emigrantes nun encontro interxeracional

OurenseXa
Cinco persoas voluntarias do Espazo+60 Afundación de Ourense e 30 estudantes de 4º de ESO dialogaron sobre a experiencia dos maiores na emigración e a visión de ambos sobre o pasado e o presente dos movementos migratorios
afundacion-falame-de-emigracion-ourense
Xornada interxeracional no CEIP Padre Feijoo
24 Feb 2025

Afundación, a Obra Social de ABANCA, celebrou esta mañá en Ourense unha nova sesión do seu programa interxeracional ‘Fálame da emigración’. Achegar ao alumnado de secundaria as experiencias das persoas maiores na emigración é o fío condutor deste proxecto, que xa vai pola súa IX edición e no que participan estudantes de secundaria e bacharelato e persoas maiores voluntarias, socias dos espazos +60 de Afundación. Nesta edición ‘Fálame da emigración’, ao igual que no outro programa interxeracional de Afundación ‘Falamos da escola’, desenvolveranse en centros educativos de Ares, Fisterra, Lugo, Monforte, Ourense, Ponteareas, Redondela, Santiago e Vigo, aos que se incorporarán novas localidades nos próximos meses.

No encontro celebrado hoxe no CEIP Padre Feijoo-Zorelle, cinco persoas voluntarias do Espazo+60 Afundación de Ourense, Pilar Tesouro, Francisco Fernández, Marco Isidro Rocha, Jaime Pérez e Dorinda Cid, e 30 estudantes de 4º de ESO dialogaron na aula sobre a experiencia dos maiores na emigración e a visión de ambos sobre o pasado e o presente dos movementos migratorios.

Tras 9 anos de implantación dos seus programas interxeracionais, desde a Área de Maiores de Afundación realizouse un estudo de avaliación nos centros participantes na edición 2023-2024 que amosa como inciden significativamente na redución dos estereotipos negativos sobre o envellecemento entre o alumnado. 289 estudantes de 8 centros de secundaria responderon ao Cuestionario de Estereotipos Negativos sobre o Envellecemento (CENVE) ao principio e final do programa. A conclusión é que, aínda que inicialmente o 70,4% do alumnado tiña xa niveis baixos ou moi baixos de estereotipos negativos sobre o envellecemento, tras a súa participación no programa, o porcentaxe incrementouse ata o 86% do alumnado. Así mesmo, outro dos indicadores da avaliación revelou que, tras a participación, o porcentaxe de estudantes que pensaban que ambas as xeracións teñen algo ou bastante en común subiu do 68 ao 74%.

A partir do relato experiencial da emigración vivido en primeira persoa, doutros recursos didácticos proporcionados por Afundación (documentais, guías didácticas, etc.) e de traballos dos escolares sobre os seus vínculos familiares coa emigración, alumnado e maiores establecen un diálogo e reflexionan sobre as motivacións para emigrar, as dificultades, os aprendizaxes, as semellanzas da emigración das persoas maiores e a actual, un intercambio especialmente enriquecedor se hai alumnado inmigrante na aula.

O proxecto proporciona un marco de aprendizaxe non formal que favorece a curiosidade, a empatía e a motivación do alumnado, ao tempo que contribúe a establecer vínculos entre estudantes e maiores baseados na escoita, o respecto e o recoñecemento mutuo e a desmontar estereotipos por ambas as partes, en liña co modelo de educación transformadora promovido por Afundación. Pola súa banda, seguindo a liña estratéxica de ‘O valor da experiencia’ da Área de Maiores da entidade, o proxecto favorece que as persoas maiores se sintan escoitadas, útiles e que vexan recoñecida a súa contribución á comprensión dun capítulo esencial da nosa historia recente.

⚙ Configurar cookies
0.10806179046631