Expertos analizan en Ourense novas formas para combater a calor
A Biblioteca Nós está a acoller as xornadas Escola de Calor ‘Refuxios climáticos en Ourense?', organizadas por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade francesa de Toulouse, co obxectivo de convidar a cidadanía a pensar sobre os modos de adaptación dos territorios e das formas de vida ao aumento das temperaturas derivadas da mudanza climática.
Ourense é unha das cidades españolas con maior estrés térmico e coas temperaturas máis altas durante os meses de verán, polo que é importante atopar novas fórmulas e modos de adaptación ao aumento das temperaturas, cada vez máis pronunciado debido ao cambio climático.
Por este motivo, a Biblioteca Publica Nós estase a converter nun caso de estudo para diagnosticar o confort térmico do edificio a través dun protocolo participativo de medición.
A calor constitúe un desafío para o futuro dos ecosistemas naturais, pero tamén para a habitabilidade dos espazos urbanizados e as infraestruturas, como apuntan as persoas organizadoras, o investigador María Zambrano no Departamento de Xeografía da USC Brais Estévez e a investigadora na Universidade de Toulouse Julia Hidalgo. O aumento das temperaturas pode comprometer o equilibrio dos ecosistemas e propiciar a aparición de novas doenzas, sinalan, pero tamén a aparición da calor como factor de vulnerabilidade da vida na cidade “trae consigo retos inéditos para o deseño urbano, relativos á formulación de novos modos de habitabilidade”.
I é precisamente para “suscitar respostas á altura dos desafíos que sinalan os datos” que os organizadores organizan esta Escola de Calor, “para crear desde as ciencias sociais e humanas contextos de complicidade pública e cidadá que permitan soster as evidencias científicas de maneira colectiva”. “As actuacións de adaptación necesarias para preparar as nosas cidades a un escenario de altas temperaturas non poden levarse a cabo só desde unha perspectiva técnica”, advirten.