Expertos do CHUO advirten de que o ano pasado diagnosticáronse en Ourense 245 casos de cancro de pulmón
O Servizo de Neumoloxía da Área Sanitaria de Ourense celebrou este domingo o Día Mundial do Cancro de Pulmón baixo o lema “previlo está ans túas mans” incidindo na importancia do abandono do hábito tabáquico xa que neste tipo de cancro o 90% dos novos casos detéctanse en persoas fumadoras.
En Ourense diagnosticáronse o pasado ano 245 casos de cancro de pulmón, cunha maior porcentaxe de homes e cun relevante aumento de casos en ambos sexos. O perfil do paciente está integrado predominantemente por fumadores e maiores de 65 anos, aínda que desde o Servizo de Pneumoloxía alertan de que cada vez o detectan máis entre poboación máis xoven e tamén cun aumento significativo da poboación feminina ano tras ano.
O drama do cancro de pulmón é que, a práctica totalidade poderían ser evitables, xa que o tabaquismo continúa a ser o axente principal do 90% dos casos -calcúlase que preto do 20% dos fumadores o desenvolverán- ademáis, segundo subliña Isaura Parente Lamelas, Xefa do Servizo de Pneumoloxía, e unha das responsables da atención a esta patoloxía, “máis da metade diagnostícanse xa con metástase e nun estadío avanzado” o que dificulta o tratamento. Polo tanto o tabaco supón o principal factor de risco do cancro de pulmón e coa eliminación do hábito tabáquico na poboación poderían reducirse a aparición de 30 de cada 100 dos novos casos.
Polo xeral, o cancro de pulmón non causa síntomas desde o principio e adoita presentarse cando a enfermidade está en etapas avanzadas. Os signos e síntomas que se manifestan nos pulmóns, ou preto destes, poden incluír unha tose recente que non se vai, dor no peito, tose con sangue, mesmo en pequenas cantidades ronqueira, falta de aire ou sibilancias.
Abordaxe multidisciplinar do cancro de pulmón en Ourense
A abordaxe do cancro de pulmón en Ourense é multidisciplinar, no seu comité de tumores, que se reúne periodicamente para estudar e planificar os tratamentos de xeito coordinado, participan especialistas de pneumoloxía, anatomía patolóxica, radioloxía, oncoloxía médica e oncoloxía radioterápica. Para a doutora Parente “o traballo en equipo deste comité aporta unha mellor coordinación, unha redución nos tempos ao comezo de diagnóstico e tratamento, mellora na calidade de vida e experiencia do paciente, así como un impacto favorable na súa supervivencia, constituíndo por todo iso a estratexia óptima de manexo”.
Vía rápida de cancro de pulmón
Ante unha serie de síntomas consensuados pola comunidade médica e que supoñen unha alta sospeita de diagnóstico de cancro, o paciente pasa directamente ao que se coñecen como vías rápidas, derivado desde atención primaria, hospitalaria ou interhospitalaria.
Galicia conta nestes momentos con oito vías rápidas e as primeiras foron as de mama, próstata e colon, que son os tumores máis frecuentes, aos que posteriormente se engadiu a de pulmón. As oito vías rápidas superan amplamente o obxectivo de atender a estes pacientes en menos de 15 días.
No que se refire á vía rápida de cancro de pulmón a media de Galicia sitúase preto dos cinco días de demora antes de iniciar o proceso para confirmar ou descartar o cancro e no caso da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras o acceso é tan só de 1,64 días.
Segundo os datos pasado ano 2023, en Ourense accederon un total de 400 pacientes na vía rápida de cancro de pulmón dos que 245 deles presentaron un resultado positivo no seu diagnóstico.
O tratamento dun tumor dependerá da súa tipoloxía, extensión e evolución, permitindo, segundo cada caso, opcións terapéuticas de cirurxía, radioterapia externa ou interna (braquiterapia) ou tratamentos sistémicos como a quimioterapia, hormonoterapia, fármacos contra dianas moleculares ou combinacións das mesmas.
Diagnóstico e estadiaxe in situ
Na procura dunha medicina cada vez máis personalizada, así como para axilizar o diagnóstico, desde hai seis anos, desde o Hospital Universitario de Ourense realizase unha técnica que permite, nun único acto médico e sen necesidade de ingreso, chegar a un diagnóstico, e de confirmar o cancro, establecer as súas características –biomarcadores- e o estadío de este, información esencial para planificar o tratamento de cada paciente.
A técnica coñecida como EBUS-ROSE polas súas siglas en inglés, que se corresponden con Ecobroncoscopia lineal, ou Endo Bronchial Ultra Sound (EBUS), e Evaluación Microscópica in situ (ROSE), permite acceder e visualizar en tempo real as estruturas pulmonares non visibles a través da parede bronquial e facer unha punción, obtendo material celular para a súa análise polo patólogo, a través dunha agulla guiada.
A presenza na sala do anatomo patólogo, para analizar a mostra in situ permite, dunha banda garantir que o material e válido e suficiente para o seu análise, punto importante para a obtención dos biomarcadores tumorais, clave na actual medicina personalizada do cancro, así coma para planificar o tratamento sexa cirúrxico, inmuno ou quimioterapia, radioterapia, ou unha combinación, evitando tomas de mostras non validas, ademais de axilizar todo o proceso.
Carmen Penín, xefa do servizo de anatomía patolóxica da Área Sanitaria e partícipe nesta técnica, destaca que o cancro de pulmón “é o paradigma da medicina personalizada, porque se realiza a determinación de numerosos biomarcadores, que en función dos resultados orientan un tratamento a medida”.
O procedemento realízase baixo sedación profunda, introducindo o ecobroncoscopio a través da boca, para logo acceder a traquea e bronquios e iniciar a exploración ecográfica das estruturas torácicas. Ademais de ser un procedemento de referencia no cancro de pulmón, o EBUS tamén se aplica a outros tumores e á patoloxía de tipo inflamatorio de difícil diagnóstico con outros procedementos.