Expertos nacionais en xestión sanitaritaria reuniranse en Ourense nas Xornadas da Fundación Signo

OurenseXa
A nova edición poñerá en común ferramentas e experiencias de éxito na atención sanitaria baseada no valor en contextos diversos, e a perspectiva da sustentabilidade terá un papel protagonista
mar_vazquez_sergas
Mar Vázquez Salvado, presidenta do comité científico das Xornadas de Xestión Sanitaria
3 Abr 2024

Ourense acollerá ás XVII Xornadas de Xestión e Avaliación en Saúde que terán lugar os días 8, 9 e 10 de maio de 2024 no Auditorio Municipal de Ourense, organizadas pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras e a Fundación Signo baixo un lema composto por dous aspectos que están a marcar as prioridades das organizacións sanitarias na actualidade: "Valor e sustentabilidade, compromisos de futuro".

Este evento, de carácter bianual, ten como obxectivo compartir coñecementos, ademais de debater sobre as cuestións de relevancia e actualidade en ámbitos da xestión sanitaria e a avaliación de custos en saúde. As xornadas converteranse nun marco idóneo para poñer en común ferramentas e experiencias de éxito en atención sanitaria baseada no valor en contextos diversos onde a perspectiva da sustentabilidade terá un papel protagonista.

Félix Rubial Bernárdez, xerente, e M.ª Mar Vázquez Salvado, directora asistencial, da área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, presiden o comité organizador e o comité científico, respectivamente, na nova edición deste evento que reunirá en Ourense a máis de catrocentos expertos nacionais e internacionais da xestión sanitaria e contará ademais coa colaboración institucional do Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense.

A través de mesas redondas, conferencias, talleres, comunicacións orais e pósteres revisarase e se actualizará a axenda de retos para os próximos anos en materia de xestión e avaliación sanitarias, con cuestións destacadas como innovación e tecnoloxía sostible, experiencias e resultados en valor, comunicación persuasiva en saúde, futuro da Atención Primaria ou impacto das TIC na eficiencia e modelos aplicados de Intelixencia Artificial.

As áreas temáticas admitidas na décimo sétima edición deste encontro son as seguintes:

  1. Avaliación de modelos organizativos.
  2. Persoas: sustentabilidade dos RRHH.
  3. Economía circular.
  4. Modelos aplicados de IA e impacto das TIC na eficiencia do sistema.
  5. Medicina de precisión e sustentabilidade farmacéutica.
  6. Futuro da AP: cara a onde imos?.
  7. Custos: medición por procesos e actividade. Novos indicadores de eficiencia.
  8. Experiencias e resultados en Value Based Health Care.
  9. Renovación sostible da tecnoloxía.
  10. Compartindo experiencias de xestión

O programa preliminar está dispoñible na páxina web das XVII Xornadas de Xestión e Avaliación en Saúde, nas que participarán expertos de diversos ámbitos e institucións, entre outros: Adalberto Campos Fernandes, profesor da Universidade de Lisboa e exministro de Saúde de Portugal; Cristina González del Hierro, Subdirectora Xeral do Ministerio de Sanidade, Luis Verde Remeseiro, Xerente do CHUAC de A Coruña, Margarita Alfonsel, exsecretaria xeral de FENIN, Maribel Romo, Subdirectora de Calidade e sistemas de información de Osakidetza, Rocío Mosquera Ávarez, Xerente de Galaria do Servizo galego de Saúde, Marcos Ortega Hortas, da Axencia de Intelixencia Artificial de A Coruña, Jorge del Diego, Director Xeral de Saúde Pública de Andalucía, Estrella López Pardo, Directora Xerente do Servizo Galego de Saúde, Rafael Goberna, socio consultor en persoas e estratexias en Go Consulting, María Jesús Lamas, directora da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios (AEMPS) e Jaime del Barrio Seoane, Presidente de ASD e senior advisor de healthcare & life sciences en EY.

Ademais no programa científico haberá lugar para tres mesas específicas de actualidade na xestión sanitaria coa participación de Conselleiros de Sanidade de varias comunidades autónomas moderados por Josep Pomar, Presidente da Fundación Signo, outra mesa dirixida aos xerentes dos diferentes servizos de saúde nacionais, e outra monográfica denominada “persoas: sostenibilidade dos recursos humanos” onde intervirán os directores xerais de recursos humanos do servizo galego de saúde, do servei catalá de Saúde e do servizo andaluz de saúde.

A Fundación Signo que organiza estas xornadas é unha entidade privada sen ánimo de lucro, creada en 1999 coa finalidade de fomentar proxectos de xestión sanitaria e promover desde unha óptica multidisciplinaria a cultura da innovación e a eficiencia nos servizos sanitarios ademais de integrar aos diferentes profesionais que cooperan na súa mellora. A Fundación ten o compromiso de facer chegar aos profesionais e á sociedade as ferramentas necesarias para avaliar e mellorar a xestión sanitaria, establecendo convenios de colaboración con diferentes Institucións para o alcance destes obxectivos.

0.13262414932251