Expourense reuniu a 200 asistentes no III Encontro Interxeracional ‘Inspiro’

Expourense acolleu este martes a terceira edición do Encontro Interxeracional ‘Inspiro’, unha cita que reuniu a 200 asistentes e que serviu como espazo de conexión entre o tecido empresarial galego e os modelos formativos representados pola Universidade de Vigo e varios centros de Formación Profesional de toda Galicia. O evento, organizado pola Fundación Expourense e a empresa ourensá DixitalGou, xirou arredor do emprendemento, a innovación, o talento e a comunicación, combinando charlas inspiradoras con obradoiros prácticos e a final do Concurso de Proxectos Emprendedores.
Durante a xornada celebrouse a final do terceiro concurso de proxectos, que este ano abría por primeira vez a participación a persoas emprendedoras externas. O primeiro premio foi para “Emprender con mis hijos”, unha iniciativa de Elio Villalobos e Soraya Picouto orientada a capacitar a nais e pais en educación e intelixencia financeira, co fin de fomentar o desenvolvemento cognitivo e emocional das súas crianzas no contexto da sociedade dixital actual. O proxecto recibiu un premio de 500 euros e un programa de mentoría ofrecido por DixitalGou.
O segundo premio, dotado con 350 euros e unha mentoría do Club do Emprendemento, foi para “TurisTEA”, unha aplicación deseñada por estudantes da Universidade de Vigo que facilita o turismo a persoas con Trastorno do Espectro Autista mediante ferramentas tecnolóxicas adaptadas.
O terceiro premio foi para “Visualiza tu aprendizaje”, unha proposta do alumnado da Escola Santo Cristo de Ourense, centrada en axudar á mocidade a tomar decisións vocacionais informadas a través dunha plataforma dixital. Este recoñecemento incluíu 250 euros e unha mentoría a cargo de Expourense.
As conferencias do evento abordaron diferentes formas de entender o emprendemento. José María de la Torre, empresario e ilusionista do Club do Emprendemento, abriu o programa cunha intervención sobre técnicas de persuasión, venda e comunicación emocional. Seguiuno a artista multidisciplinar e vicepresidenta de AJE Ourense, Alba Ferro, cunha charla centrada na autenticidade persoal como clave para construír traxectorias profesionais con sentido.
Ademais, celebrouse unha mesa redonda moderada polo CEO de DixitalGou, Pablo Sanmartín, coa participación de responsables de empresas como Mobify, AiFalaches.gal e Nela Gourmet, que compartiron as súas experiencias emprendedoras.
A programación da tarde incluíu dous obradoiros simultáneos. Un deles, titulado “CHEGAR & ENCHER: The Marketing Race”, estivo orientado ao deseño de campañas publicitarias baixo presión e foi dirixido polo consultor Julio López. O segundo obradoiro, impartido pola empresa Estrelas Máxicas, explicou en directo como producir e emitir entrevistas vía streaming, permitindo ás persoas asistentes participar nas tarefas técnicas de gravación e montaxe.
Tamén se presentou o proxecto Certychain, desenvolvido por estudantes da Escola de Enxeñaría Informática de Ourense e premiado na primeira edición de Inspiro. Actualmente, esta iniciativa xa funciona como empresa. Ademais, celebrouse unha sesión de networking empresarial baixo o formato Demoday, na que participaron representantes institucionais e empresariais, entre eles a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, a Confederación Empresarial de Ourense, Tecnópole, ENISA, ABANCA, Sogarpo e outras entidades públicas e privadas.
O evento foi presentado, por terceiro ano consecutivo, por Lucía Rodríguez, e contou coa presenza institucional do deputado Xosé Miguel Pérez Blecua, representantes de varias consellerías da Xunta, de AJE Ourense, da CEO e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. O Encontro Inspiro estivo patrocinado pola Deputación de Ourense e contou coa colaboración da Xunta de Galicia, AJE Ourense e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.