FEAFES reivindica valor o papel das mulleres con problemas de saúde mental que viven no rural

OurenseXa
Saúde Mental FEAFES Galicia achégase ás mulleres do rural para fomentar a súa participación e autonomía
María_Verea
FEAFES, María Felisa, Verea
8 Mar 2024

A propósito do Día da Muller, que se conmemora o 8 de marzo, Saúde Mental FEAFES Galicia quere poñer en valor o papel das mulleres con problemas de saúde mental que viven no rural, colectivo moi invisibilizado e que conta con numerosas dificultades para acceder aos recursos necesarios para o desenvolvemento dunha vida plena e independente.

Para iso, a entidade fotografou e entrevistou a catro mulleres que viven no rural ourensá, nomeadamente nos concellos de Vilanova dos Infantes, Verea e Entrimo. María Felisa, por exemplo, di que “no rural teño o meu horario, tranquilidade e podo facer a miña vida... pero non ter recursos preto é un gran obstáculo”. Na mesma liña pronúnciase Maira: “no rural os servizos son poucos, só hai un centro médico, as citas demóranse e os desprazamentos poden ser un problema”, asegura.

María José destaca que os prexuízos e o descoñecemento que hai cara os problemas de saúde mental dificultan considerablemente a vida e o desenvolvemento persoal de mulleres coma ela: “cando temos unha enfermidade mental, pasamos a ser persoas de segunda por culpa do estigma que hai na sociedade”, asegura. Non obstante, saber convivir con esa realidade e ter acceso aos recursos axeitados, ofrece unha perspectiva de vida moito máis prometedora: “eu penso no día a día”, di María, “o meu reto é non empeorar e seguir como ata agora”, engade.

Estas mulleres aseguran que a tranquilidade asociada á vida no rural pode ser moi beneficiosa para a saúde mental. Non obstante, é frecuente que nesas contornas se atopen soas, sen apoio nin acceso a recursos na contorna. Por iso, fan un chamamento a non ser esquecidas e a que exista a posibilidade unha atención axeitada á saúde mental tamén no rural. “Quero seguir sendo independente e non ser unha carga para ninguén. Agora estou nun momento tranquilo e quero continuar estable”, conclúe María Felisa.

As fotografías e testemuños completos serán publicados nas redes sociais e páxina web de Saúde Mental FEAFES Galicia ao longo da xornada do 8 de marzo.

Un achegamento ás mulleres rurais con problemas de saúde mental

A falta de recursos e de actividade económica nas zonas rurais galegas, así como a dificultade de acceso a esas localidades, fan que a súa poboación non conte moitas veces coa información e oportunidades axeitadas para unha inserción sociolaboral plena. Isto, unido ás dificultades que supón un problema de saúde mental, os prexuízos asociados a eles e especialmente arraigados nas zonas rurais, máis as desvantaxes sociais que aínda hoxe soportan as mulleres, fan que as mulleres con problemas de saúde mental que viven no rural sexan un colectivo especialmente vulnerable e cun elevado risco de exclusión social.

Para dar resposta a esta situación, Saúde Mental FEAFES Galicia puxo en marcha este ano o Programa de Apoio a Mulleres nos Ámbitos Rural e Urbano, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e pola Unión Europea-NextGenerationEU, que conta cunha liña de actuación específica para mulleres con problemas de saúde mental que residen en concellos rurais de menos de 5.000 habitantes.

O seu obxectivo é favorecer a integración social e laboral destas mulleres, potenciando así a súa autonomía e a consecución dunha vida plena. Para iso, realízanse actuacións personalizadas e individualizadas de diversa natureza como o achegamento de información, orientación e asesoramento, formación, prácticas laborais, prospección de empresas e intermediación laboral ou favorecemento da mobilidade xeográfica. A través deste programa, beneficiaranse un total de 60 mulleres de toda a xeografía galega.

0.19579577445984