Fina Calleja: "Entendemos o teatro como un espazo comunitario pero tamén reivindicativo"

OurenseXa
Fina Calleja, directora do FITO 2024, explica as características da décimo sétima edición do festival, que se estenderá ata o 27 de outubro
Fina Calleja
Fina Calleja
20 Out 2024

Ourense acolle, ata o vindeiro domingo 27 de outubro, a décimo sétima edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense. Por terceiro ano, o festival está dirixido pola actriz e directora, Fina Calleja, membro da recoñecida compañía ourensá, Sarabela Teatro, e profesora na Aula de Teatro Universitaria de Ourense, que nos explica as características desta nova edición.

Como foi esta etapa á fronte do festival?

Bueno, FITO é un dos festivais máis importantes de Galicia. Das súas características, con este compoñente internacional só hai catro en Galicia. Aínda que teña un compromiso moi grande coa provincia e coa cidade de Ourense, vai máis aló. Ao final facémolo en conxunto, eu son integrante de Sarabela Teatro, que xestou este festival. Primeiro foi dirixido por *Ánxeles Cuña, despois por Sabela Gago e agora na actualidade por min. Foi un traballo de todos nós, Sarabela estivo sempre implicada no FITO, nunha tarefa ou noutra.

E como está a ser a acollida desta edición ata o momento?

Polo momento, os espectáculos que levamos vivímolos con moita ilusión. O xoves, por exemplo, foi a estrea de Nuria Sotelo e foi fantástico. O primeiro día estivo ‘Vía Morta’ e o venres actuou Mercedes Peón coa súa proposta ‘Osmose’... E nós, coma sempre, con toda a ilusión e sabendo que para moitos espectadores é un momento importante no calendario do ano.

Que particularidades ten o festival?

A particularidade que ten o FITO é que trae á cidade propostas escénicas que doutra forma non estarían, porque van máis aló da programación habitual, con pezas que non adoitan estar dentro das programacións regulares dos teatros. Por exemplo, o teatro documental, os sós de danza que sempre son complicados, pezas que conxugan o híbrido coas artes vivas... E despois, nomes propios dentro da escena de teatro contemporáneo no estado, pero aos que polas limitacións das programacións é difícil ver. É o caso, por exemplo, de Andrea Jiménez ou de Victoria Szpunzberg, que son dramaturgas e directoras cunha traxectoria e un prestixio a nivel nacional e internacional, pero que é difícil atopalas nunha programación en Galicia.

FITO ten, ademais, un carácter reivindicativo...

Tanto o festival como nós como Sarabela Taeatro, unha das pautas que temos e que guían as nosas decisións é precisamente que entendemos o teatro como un espazo comunitario, de goce, pero tamén reivindicativo. O Teatro non pode estar ás costas do que sucede no mundo. Non somos illas, senón que hai unha parte de compromiso coa sociedade, unha parte que é moi importante. Por iso temos tanto ‘Vía Morta’, que ten un compromiso social clarísimo, como ‘Quiero colapsar a tu lado’, que ten un compromiso ecolóxico, como propostas que expoñen a diversidade, a necesidade de vivir en tolerancia, respectando ao outro... Que é o caso, por exemplo, das pezas seleccionadas en ‘67 graos’. Este compoñente de reivindicación convive coa calidade das propostas artísticas. Quero dicir, o feito de estar comprometido ou ter un compoñente reivindicativo é un engadido, pero a decisión primixenia nace da calidade das propostas. Por exemplo, Arxentina vai abrir o debate sobre a educación e de onde vén esta cultura da violencia que nos rodea. As propostas son moi diversas, os temas son moi diversos.

Ourense é unha cidade con bastante tradición teatral, crees que se dá suficiente apoio a este tipo de iniciativas?

De todos é sabido que os representantes políticos deste municipio fixeron da burla e do menosprezo á cultura unha das súas bandeiras. Iso está aí. Non é ningunha novidade. FITO subsiste grazas ao apoio da Deputación e outros aliados como, por exemplo, neste caso é o Concello de Celanova e moitas outras persoas que rodean ao festival e que, dunha maneira altruísta, voluntaria e apaixonada, lévannos sobre os ombreiros para que o festival, con cada vez menos orzamento, poida sobrevivir. É triste, pero é certo.

Este ano, é a primeira vez que FITO faise en Celanova. Outros anos, estivo tamén en Barbadás. Seguirá estendéndose a outros concellos?

A nosa vontade é que así sexa. O que pasa é que iso tamén conleva uns gastos engadidos. Hai unhas limitacións para poder facer iso, pero por suposto que nos encantaría. Ao ter o apoio da Deputación ten moitísimo sentido que viaxe pola provincia.

0.20685696601868