Galiciencia conmemora o seu vixésimo aniversario cun espectáculo no Auditorio

OurenseXa
Baixo o título ‘Cerbrum’, pequenos e maiores poderán achegarse aos segredos da ciencia e do cerebro humano o vindeiro 26 de abril
cerebrum-ourense-cartel
21 Apr 2025

Galiciencia conmemora o seu vixésimo aniversario cunha programación especial de actividades. Entre elas, destaca un espectáculo científico que terá lugar o venres 26 de abril no Auditorio de Ourense, entre as 11.00 e as 12.30 horas. A proposta está dirixida ao público xeral, especialmente a familias e mozos e mozas a partir dos 12 anos. A entrada é gratuíta ata completar aforo, pero é necesario facer reserva previa a través da web oficial: galiciencia.com.

Baixo o título ‘Cerebrum’, este espectáculo combinará ciencia e teatro para mergullarse nos segredos do cerebro humano. A función contará coa participación do recoñecido neurocientífico Casto Rivadulla e do actor e divulgador científico Vicente Mohedano. Ambos unirán coñecemento e talento escénico para ofrecer unha experiencia única, con experimentos en directo e moito humor.

Durante a representación, o público poderá comprender como funciona o cerebro, como se forma a nosa percepción da realidade ou de que maneira é posible adestrar a mente para superar certos límites. O espectáculo está pensado para entreter, pero tamén para transmitir coñecementos científicos dun xeito accesible e atractivo.

Casto Rivadulla é profesor titular de Fisioloxía na Universidade da Coruña e lidera o grupo NEUROcom, centrado na investigación en neurociencia e control motor. Ten unha ampla traxectoria como divulgador e participou en centros de prestixio internacional como a Universidade Rockefeller de Nova York ou o MIT. Nesta edición de Galiciencia, dedicada á “Neurociencia e saúde mental”, exerce como asesor científico e coordina tamén o espectáculo Cerebrum.

Vicente Mohedano, pola súa parte, é actor cunha sólida formación en Bioloxía. Leva anos utilizando o teatro como ferramenta de divulgación e é colaborador habitual de Galiciencia, onde adoita impartir obradoiros para a mocidade participante.

Este evento promete ser unha viaxe divertida, formativa e reveladora ao corazón da mente humana.

⚙ Configurar cookies
0.16308999061584