Granxas afectadas pola EHE demandan en Ourense medidas urxentes á Consellaría e ao Ministerio

OurenseXa
"Agora mesmo na provincia de Ourense obsérvase que a doenza avanza de forma moi rápida e descontrolada e a incertidume e a preocupación das granxas é moi grande", explican desde o Sindicato Labrego Galego
Concentracións en Ourense para esixir solucións ante a crise da EHE nas granxas
15 Ago 2024

Este mércores, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) levou adiante unha concentración reivindicativa fronte á sede da Consellaría do Medio Rural en Ourense para demandar á Xunta de Galicia que, ademais de cubrir a morte dos animais, lexisle con carácter inmediato para cubrir o 100% os gastos veterinarios derivados da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), así como o lucro cesante provocado tanto pola perda produtiva dos animais que falecen como polos que finalmente sobreviven.

A doenza do EHE está a ser dramática e imparable, algunhas explotacións teñen máis do 80% da cabaña gandeira afectada, advirten. "O persoal veterinario de clínica que se adica a animais de gando maior é moi pouco, e estase a ver moi desbordado", explican nun comunicado.

Canda estas dificultades, sinalan, nesta época ademais estase en plena campaña de recollida de forraxe e as granxas non dan abasto entre atender aos animais enfermos e á recollida de herba seca. Como moitas das explotacións afectadas están en extensivo, ao recoller aos animais para as mangas de manexo para os tratamento de repelentes antimosquitos de forma periódica os animais estrésanse e existe unha dificultade engadida para a súa recollida.

"Agora mesmo na provincia de Ourense obsérvase que a doenza avanza de forma moi rápida e descontrolada e a incertidume e a preocupación das granxas é moi grande", explican. A nivel de toda Galicia, dende o SLG estiman que a día de hoxe o conxunto das perdas poden chegar a superar 20 millóns de euros para todas as granxas que se van ver afectadas.

"Por iso, as persoas gandeiras reunidas en Ourense, e outras moitas non puideron asistir precisamente por estar atendendo e coidando o seu gando enfermo, esiximos de xeito inmediato as administracións públicas implicadas, é dicir, ao Ministerio de Agricultura e á Consellería de Medio Rural, a convocatoria de xeito inmediato das axudas prometidas".

Asimesmo, esixen que se doten de orzamento abondo para cubrir as perdas que esta enfermidade vai supor ás nosas granxas. "O presuposto que se rumorea neste momento anda nos 15 millóns para todo o Estado español. Este presuposto é totalmente insuficiente, so os cálculos feitos polo SLG estima as perdas aquí, na Galiza, de preto de 20 millóns".

En todo caso, esixen que estas axudas cubran o 100% dos gastos veterinarios e calquera gasto directo e indirecto xerado por mor do coidado prestado ao noso gando enfermo.

Por outro lado, piden o reforzo dos servizos veterinarios da Xunta de Galicia para dar resolto e visitado do xeito máis áxil posible as granxas afectadas e tramitar de xeito eficiente e rápido as axudas que se doten para este fin.

Ademais, esixen inclusión en todo caso nas partidas a pagar o lucro cesante tanto o dos animais que morran como de aqueles os que lles poidan quedar secuelas derivadas da enfermidade, ou danos provocados de xeito indirecto por a mesma como pode ser pagar o lucro cesante por mor de xatos falecidos por mor da enfermidade da nai.

Desde o SLG solicitan tamén a creación, por parte da Xunta de Galicia, dun gabinete de crise ante a EHE e que se dote de persoal suficiente as comarcas co fin de axudar as gandeiras afectadas que o precisen a manexos derivados da enfermidade (aparte rabaños, movementos...).

Por último, piden garantías de que a vacinación que se recomenda dende a Consellería de Medio Rural é efectiva e non trae efectos secundarios. Así mesmo, unha vez garantido isto dende a administración, esixen que se facilite dende a Administración a súa subministración gratuíta con servizos propios a quen a queira pór.

"A situación é gravísima. A diario vemos como nos enferma máis e máis gando, e nin sequera en moitos casos é viable acceder a medicamentos, ao persoal veterinario que faga probas ou aos tratamentos, ou que a administración sexa áxil e conte co suficiente persoal nas oficinas comarcais para dar resposta a esta emerxencia que estamos a vivir e cada día que pasa en máis comarcas do país", lamentan desde o sindicato.

"As labregas e labregos de este país e en especial da provincia de Ourense estamos volver a dar unha lección de coraxe e solidariedade a quen sempre nega as evidencias, nin recoñece o noso traballo" e engaden que "so quen nunca viviu, coidou, se aledou ou se entristeceu co gando non pode entender a situación de estrés, pesimismo, angustia e impotencia que vivimos centos de gandeiras estes últimos días por mor da Enfermidade Hemorraxia Epizoótica que está a por en xaque o noso futuro e as nosas granxas".

0.1586799621582