Jorge Salgado, organizador da Xuntanza de Clásicos de Taboadela: “Eventos como este colocan a Taboadela no mapa”

OurenseXa
O presidente da Escudería Taboadela e organizador do evento, Jorge Salgado, conta como se vive desde dentro esta festa do motor
escuderia-taboadela
Escudería Taboadela
13 Apr 2025

Por Raquel Pérez

A Xuntanza de Clásicos de Taboadela volve a superar todas as expectativas. Con máis de 120 vehículos inscritos, a cita consolídase como unha das máis importantes da provincia para os amantes dos clásicos. Falamos co presidente da Escudería Taboadela e organizador do evento, Jorge Salgado, que nos conta como se vive desde dentro esta festa do motor.

Este ano batestes récord de inscripciones. Como vivistes ese éxito?

A verdade é que estamos moi contentos. Xa o ano pasado vimos un pouco desbordados. Este ano, ao principio, a xente tomouseo con calma, pero tras a nosa participación no Salón do Automóbiles en Expourense, disparouse o interese. Ao final, tivemos que pechar o formulario online antes de tempo, e aínda así a xente seguía chamando para apuntarse. Finalmente, pechamos con 126 vehículos, claro que tamén hai que sumar os coches da organización.

Cal foi o motivo para pechar as inscripciones nese número?

Principalmente por unha cuestión de logística e seguridade. O evento desenvolvese no entorno do polideportivo de Taboadela, que ten as súas limitacións. Ademais, a ruta transcorre por estrada aberta, non hai cortes de tráfico. Canto máis coches, máis difícil é manexar todo: aparcamentos, tráfico, idades dos condutores... Este ano, como tamén coincide co Domingo de Ramos, é un día con máis movemento do habitual.

Planteáronse aumentar o número de participantes en futuras edicións?

Non o creemos conveniente. Xa con 130 vehículos, contando a organización, é complicado. Ademais da ruta, sempre organizamos visitas culturais. Este ano, por exemplo, faremos unha parada no Castelo de Maceda e no Santuario dos Milagros. Algúns anos visitamos Allariz, Baños de Molgas, Paderne de Allariz... todo dentro dun radio de 25 km. Pero os espazos de aparcamento son limitados. Non se trata só de mover coches, senón de facelo ben e con seguridade.

Como organizades a ruta para que todo funcione sen problemas?

Dividimos o convoy en tres grupos de 40 a 42 vehículos, cada un liderado por alguén da organización. Ademais, nos cruces contamos con voluntarios de Protección Civil e membros da escudería para facilitar o paso dos coches. Tamén nos acompañan vehículos de apoio, un mecánico por se xorde algunha avaría, e un coche escoba que pecha o grupo. Este ano, ademais, deseñamos unha ruta máis sinxela, por estradas principais, para minimizar os riscos e simplificar a xestión.

Que obxectivos hai a medio e longo prazo para a xuntanza?

Vamos ano a ano. É un hobby, non vivimos diso. Cada un ten o seu traballo, a súa vida, a súa saúde… e isto consome moito tempo. Ademais, este ano temos eleccións no club. Levo catro anos como presidente e, segundo os estatutos, toca renovar. Aínda non sei se me presentaré. Se non o fago, temo que todo isto podería quedar en nada.

A pesar do esforzo, sentes satisfeito co que lograsteis ata agora?

Si, sen dúbida. Esta é a quinta edición da xuntanza e cada ano melloramos. Tamén organizamos a Subida a Taboadela, que este ano celebra a súa sexta edición. Ao principio foi moi complicado, non sabíamos nada, fomos aprendendo a base de erros. Hoxe xa temos experiencia, aínda que segue sendo un traballo enorme que non podería facer sen un equipo de apoio. Non somos expertos, pero sabemos que a xente está contenta, hai xente que vén a ver como nos organizamos para tomalo como referencia. Poñemos moito interese no trato coas persoas que asisten. Chámannos polo seu nome, é algo que pode parecer obvio, pero á xente gústalle, senten que importan, que forman parte de algo. Temos en conta as súas necesidades, como por exemplo no tema da comida. Se alguén ten algunha intolerancia, intentamos adaptarnos, cousa que non sempre pasa. A xente agradece esas cousas e parábanos para felicitalos por iso, o que é moi satisfactorio. Ademais, por exemplo, facemos colgantes artesanais e repártemos entre os participantes. Ao final esas cousas marcan a diferenza.

Que datas manexades para a Subida deste ano?

Están fixadas para o 22, 23 e 24 de agosto. Os días de competición serán o 23 e 24. O venres 22 dedicaranse a verificaciones e recepción de participantes. É unha proba dentro do campionato autonómico, así que dependemos moito de como avance o campionato para saber cantos pilotos virán.

Que impacto teñen estes eventos en Taboadela?

Ben, ao final eventos como este colocan a Taboadela no mapa. Vén xente de toda Galicia: A Coruña, Pontevedra, Vigo, toda a provincia de Ourense… incluso xente de Lugo que veu o ano pasado. E non veñen soas, traen familia, amigos... Consomen na zona, coñecen o patrimonio, repiten. Lles enseñamos o que hai nos arredores. Taboadela é un sitio pequeno con moito que ofrecer.

Como se financian estes eventos?

Os eventos clásicos autofináncianse coa inscrición. Inclúe almorzo, café na ruta, pinchos, comida, sorteo de agasallos, e un recordo do evento. Tentamos non pedir demasiada axuda económica para non saturar aos colaboradores, porque realmente o evento grande que necesita patrocinios é a Subida. Aínda así, hai empresas que colaboran con agasallos ou pequenos apoios, o cal se agradece moito.

Como vos organizades con tanta xente?

Como podemos. Tentamos confiar na xente, a maioría non dá problemas. Se alguén vén a facer o gamberro, non volve. Neses casos, expulsámolos sen dudar. Non podemos permitir que unha persoa poña en risco a todos. Ao final, a responsabilidade legal recae sobre nós, así que hai que ser firmes. Ademais, intentamos molestar o menos posible, falamos cos concellos para ver como organizar o tema dos aparcamentos e non colapsar todo. No principio era máis difícil. Agora, aínda que segue custando moito esforzo, xa nos coñecen. Tentamos facelo o mellor posible para todos.

⚙ Configurar cookies
0.1654999256134