José Gonzalez avalía en Ourense as medidas para reforzar o Servizo Público de Emprego

OurenseXa
O conselleiro reuniuse en Ourense cos directores e orientadores das oficinas de emprego da provincia
xunta-emprego-ourense
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González nun encontro cos directores e orientadores das oficinas de emprego da provincia
14 Xuño 2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, no marco do proceso de escoita activa que ten aberto desde o mes de maio cos principais axentes sociais e económicos de Galicia, reuniuse en Ourense cos directores e orientadores das oficinas de emprego da provincia. Na cita, a que tamén asistiron o secretario xeral técnico da Consellería, Joaquín Macho, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, avaliaronse as melloras necesarias para seguir impulsando e reforzando o Servizo Público de Emprego, ao tempo que se puxo en valor o traballo que desempeñan estes profesionais para ofrecer ás galegas e galegos as mellores oportunidades de emprego.

Na reunión, á que tamén acudiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, incidiuse en que é preciso seguir potenciando a formación entre os profesionais das oficinas de emprego para continuar ofrecendo á cidadanía os mellores servizos. Tamén se destacou que a formación para o emprego é chave para seguir creando emprego de calidade e casar oferta con demanda laboral.

O reto último, en palabras do conselleiro, é dar saída as 15.000 vacantes de traballo para o que a Xunta está executando medidas pioneiras no Estado como a ferramenta tecnolóxica EMi que conecta oferta e demanda en tempo real con intelixencia artificial. En concreto, este software permite converter Emprego de Galicia nun servizo onde as empresas poidan localizar o mellor talento e ao que as persoas recorran para consolidar a súa traxectoria profesional.

Así mesmo, a Xunta aposta por continuar co programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que procura actualizar as demandas duns 32.000 inscritos nas listas do paro que son desempregados de longa duración, co fin de mellorar a eficiencia dos procesos de intermediación e formación -a través do que, en menos dun ano, contratáronse arredor de 3.200 persoas-.

No encontro tamén puxéronse en valor os últimos datos de paro rexistrado, o que está a demostrar que as políticas activas de emprego que desenvolve a Xunta están a ser efectivas e eficentes, en palabras do conselleiro. En maio de 2024, na cidade de Ourense, rexistrouse a cifra de desemprego máis baixa para ese mes desde que hai rexistros (2005) e con respecto aos últimos dez anos, o desemprego caeu en case o 50% (49,38%).

O conselleiro, por último, referiuse aos polos de emprendemento e apoio ao emprego da provincia de Ourense, como centros referentes para tamén impulsar o traballo en Galicia e a importancia de que estean conectados coas oficinas de emprego. Na provincia existen activos catro na actualidade -Verín, O Carballiño, Baños de Molgas e O Barco- que atenderon xa máis de 370 proxectos.

0.20454716682434