Lorinda Fernández: "Non hai que deixar morrer ás asociacións veciñais"
A Asociación Veciñal de Rabo de Galo é unha das máis antigas e activas da cidade de Ourense. A súa presidenta, Lorinda Fernández, leva máis de 20 anos loitando polas necesidades dos veciños e veciñas, que na actualidade continúan reivindicando melloras no acceso a este barrio, que xa conta con arredor de 400 habitantes e cuxo acceso supón un perigo para a súa veciñanza, tal e como deuncian.
Cando naceu a asociación?
A asociación naceu no ano 1987, creo que é a terceira máis antiga de Ourense. Eu levo nela uns 35 anos, primeiro como secretaria e despois como presidenta. Cando comecei tiña 25 anos, agora teño 61. Levo moito loitado, hai moito traballo detrás.
Pensas en retirarte?
Eu sempre estiven no foco da actividade. Botáronme de plenos, pasei por todo. Agora xa preciso un pouco máis de tranquilidade, teño 61 anos e quero pasar tempo coas miñas netas, quero calma. Quizais é o momento de que chegue un relevo máis novo, que quizais sabe facelo mellor ca nós. É bo que entre xente nova, con outras ideas.
Que tipo de iniciativas levades a cabo?
Ao final, as necesidades da xente cambiaron moito. Antes pediamos alumeado, asfaltado, saneamento… En Rabo de Galo foi o propio pobo quen traballou en todo iso. Agora esas necesidades xa non as temos. Agora loitamos polo mantemento, por dar unha maior calidade de vida aos veciños, para que teñan boas infraestruturas, bos accesos. Promovemos cursos, charlas… Unha asociación ten que estar sempre aí, para tirar das orellas dos políticos, para que fagan as cousas ben e para facer un seguimento de todo. As directivas das asociacións coñecen as necesidades dos veciños e, loxicamente, sempre imos reclamar o mellor para eles. Non hai que deixar morrer as asociacións veciñais.
Respecto ao radar de acceso á N-525, desde a Asociación levades bastante tempo pedindo unha solución ao problema de accesibilidade a Rabo de Galo. Cres que a medida é suficiente?
Non, non nos parece ben. De feito, estamos totalmente en desacordo. Pensamos que a medida ten un afán recadatorio, pero non soluciona nada. A nós non nos resolve o problema. O radar está tan abaixo que os coches seguen pasando a velocidades moi altas á altura de Rabo de Galo. Non é unha solución. A xente reduce a velocidade, pero só unha vez pasado o acceso.
Cal sería a solución?
O que pedimos é que coloquen o radar antes da curva ou un radar de tramo, que sería o ideal. Tal e como está colocado, o problema segue sendo o mesmo, pero ninguén ten intención de colaborar. Incluso propuxemos facer unha saída máis abaixo, pero todo son escusas. A nós valeríanos ter unha incorporación 100 metros máis abaixo. O que queremos é unha solución porque o radar que puxeron non evita o problema, non serve para nada máis que para recadar. Pero non nos escoitan. Ao final, como fan todos os políticos, isto fíxose de costas á cidadanía, pero dálles igual. Non lles preocupa corrixir o tráfico, só recadar.
Canto tempo levades pedindo unha solución?
Xa hai moitos anos que falamos co Concello, non oficialmente, pero si que lles advertimos de que había que solucionar este tema, porque é unha incorporación moi perigosa. Xa en 2023 presentamos unha solicitude formal por todos os canais que tiñamos: policía, Fomento, Subdelegación, etc. Cada quen respondeu á súa maneira e cando lle pareceu. De feito, Fomento contestounos 10 días antes de colocar o radar.
Ides seguir coas reivindicacións?
Estamos valorándoo. Ao final, aquí hai xente moi maior e ás veces custa empezar. Pero si, estamos valorando incluso algunha concentración e, a mellor, paralizar o tráfico. Non o temos claro, pero seguiremos reivindicando que é necesario mellorar o acceso desde a N-525 a Rabo de Galo.
Respecto ao 25N, tedes previsto realizar algunha actividade?
Fixemos unha charla moi interesante desde a Agrupación Miño, pero sobre todo o noso labor é escoitar ás veciñas durante todo o ano. Cando se reúne a xente, por iso é moi importante ter locais onde xuntarnos, descobres moitas veces cousas que están sufrindo mulleres e nas que podes axudar. Nós somos os primeiros en detectar e saber como falar con esa veciña porque a coñeces de toda a vida. Desde as asociacións faise un labor moi importante neste sentido. As veciñas participan nos cursos, confían nas súas compañeiras, nas súas amigas, e aí é onde se empezan a detectar este tipo de situacións. Temos unha gran rede veciñal de mulleres. Faise un gran labor todos os días do ano.