Maceda acollerá este venres unha charla sobre o dano cerebral adquirido

OurenseXa
Nesta sesión informativa, Dano Cerebral Galicia falará das causas, como o ictus, da prevención, das secuelas ou dos recursos de atención a esta discapacidade, que teñen máis de 35.000 persoas en Galicia
Actividade-informativa_DanoCerebralGalicia
Actividade formativa organizada por Dano Cerebral Galicia
25 Mar 2025

Dano Cerebral Galicia, a Federación que reúne as cinco asociacións desta discapacidade que hai na nosa comunidade autónoma, leva o 28 de marzo a Maceda unha charla que ten como obxectivos informar sobre as causas -como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos-, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles na contorna da comarca de Allariz.

Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello de Maceda, e vai ter lugar o venres 28 de marzo ás 11.00 horas no Salón de Plenos do Concello (Xardíns Rosalía de Castro, 1). É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.

Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse chamando ao 988 463 761 (Concello de Maceda).

Identificación e prevención do dano cerebral adquirido

O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas e que está causada na maioría dos casos por un ictus ou por un traumatismo cranioencefálico (derivado sobre todo de accidentes de tráfico, pero tamén laborais, golpes, caídas...). A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus.

Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros), ambos factores de risco do ictus. Ademais, o desenvolvemento da atención médica de emerxencias provoca que se salven vidas que continúan, pero con discapacidade adquirida.

Durante a sesión informativa achegaranse recomendacións para a prevención, así como nocións sobre como identificar un ictus, describiranse as secuelas -moitas delas invisibles, como as condutuais, emocionais ou as cognitivas-, detallando as principais necesidades das persoas e familias con dano cerebral adquirido, e ofrecerase todo o abano de recursos de atención dispoñibles.

Apoio institucional

Ademais do apoio do Concello de Maceda, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, que se organiza grazas ás persoas que marcan ‘X Solidaria’ na súa declaración da renda.

⚙ Configurar cookies
0.73084616661072