Maceda prepárase para o Desfile de Comparsas e Carrozas do Entroido 2026

O Concello de Maceda ten aberta a convocatoria para participar no Desfile de Comparsas e Carrozas do Entroido 2026, que se celebrará o martes 17 de febreiro. O desfile dará comezo ás 17:30 horas desde a Praza das Canteiras, e o percorrido darase a coñecer o día anterior a través das redes sociais e da web do Concello.
A convocatoria está aberta a todas as asociacións veciñais, culturais ou xuvenís, así como a grupos, colexios e calquera persoa interesada. As dúbidas ou incidencias sobre a participación serán resoltas pola Alcaldía.
O concurso contará cun xurado formado por representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Maceda, a Asociación Felos das 12 Parroquias, a Asociación en Pro do Fiadeiro do Entroido de Carguizoi, un membro da ANPA do CEIP de Maceda e unha artesá local especializada en traxes tradicionais.
Os premios repartiránse segundo a categoría: os individuos e grupos de ata cinco persoas competirán por 125, 75 e 50 euros; os grupos de seis ou máis persoas optarán a 175, 120 e 90 euros; e as carrozas recibirán 250, 175 e 125 euros respectivamente. Ademais, todas as carrozas participantes que non resulten premiadas obterán un accésit de 40 euros.
As inscricións poden realizarse a través do formulario online dispoñible nas redes sociais e na web do Concello de Maceda, ou chamando ao 988 317 110. Tamén se admitirán inscricións o mesmo día do desfile na Praza das Canteiras ata as 17:15 horas.
O Desfile de Comparsas e Carrozas do Entroido 2026 promete ser unha das citas máis destacadas das festas de Maceda, combinando tradición, creatividade e diversión para todos os participantes e asistentes.