Máis de 1.200 escolares ourensáns asisten este xoves á representación da función 'O mundo está roto, pero pódese camiñar'

'O mundo está roto, pero pódese camiñar' preséntanos unha nena que perdeu prematuramente á súa nai e, desde entón, está enfadada co mundo. O seu pai non sabe como romper o muro de incomunicación no que se encerrou a súa filla. Buscando solucións, idea un curioso sistema: escribirlle mensaxes en avións de papel que lle lanza cada día desde o balcón e nos que lle encarga pequenas tarefas diarias como, por exemplo, ir devolver un libro á biblioteca… Alí atopará a forza necesaria para reconstruír a súa vida. O mundo está roto, pero pódese camiñar é a memoria dunha nena de 10 anos que se reconcilia coa vida e co seu pai, despois de pasar por unha perda traumática.
Máis de 1200 escolares de 22 centros educativos de Ourense e provincia asistirán á representación desta obra mañá xoves 14 de novembro, con funcións ás 10.00 e ás 12.00 h, no Auditorio Municipal de Ourense.
As artes escénicas para escolares en Afundación
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación, co obxectivo de complementar a formación que os estudantes reciben nas aulas, promovendo unha educación en valores, implicación social, sostibilidade e competencias transversais que potencia o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas contémplanse en Afundación como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais.
Ao longo deste curso escolar 2024-2025, a Obra Social de ABANCA presenta unha programación articulada por sete pezas escénicas, dirixidas a públicos desde infantil ata ESO e bacharelato, que xa conta con máis de 58 500 escolares inscritos dun total de 466 centros educativos.