Máis de 1.700 escolares de 37 centros educativos de Ourense asistiron no Auditorio Municipal á función ‘Ninja’
Afundación, a Obra Social de ABANCA, continúa desenvolvendo as actividades para escolares incluídas na súa programación para este curso. Nesta ocasión presenta a proposta teatral Ninja, de Teatro dos Ghazafelhos, que se representou no Auditorio Municipal de Ourense onte e mais hoxe con dúas funcións, ás 10.00 e ás 12.00 horas. Asistiron máis de 1700 escolares de 37 centros educativos de Ourense e contorna.
Ninja aborda a problemática do acoso escolar a través dunha historia que reflexiona sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade. Tori, a protagonista, quere ser ninja e adestra todos os días para pasar inadvertida. Durante ese proceso descobre que no seu colexio hai outras nenas e nenos que queren ser invisibles para deixar de sufrir acoso nas aulas. Coa axuda do seu veciño, o señor Edelmiro, buscan o xeito de dar visibilidade ao que está a suceder e conseguir mudar a situación.
As artes escénicas para escolares en Afundación
As artes escénicas teñen unha especial relevancia dentro da programación para escolares que deseña cada curso o equipo da área educativa de Afundación, co obxectivo de complementar a formación que os estudantes reciben nas aulas, promovendo unha educación en valores, implicación social, sostibilidade e competencias transversais que potencia o talento, a autonomía, a solidariedade, a creatividade, a autoestima ou o traballo en equipo. Neste sentido, as artes escénicas contémplanse en Afundación como unha das ferramentas educativas máis útiles para estimular a capacidade de observación dos estudantes, posibilitar o diálogo e a reflexión e desenvolver habilidades sociais.
Ao longo deste curso escolar 2024-2025, a Obra Social de ABANCA presenta unha programación articulada por sete pezas escénicas, dirixidas a públicos desde infantil ata ESO e bacharelato, que xa conta con máis de 58 500 escolares inscritos dun total de 466 centros educativos.