Máis de 200 ourensáns participan no Proxecto Xenoma Galicia
Os tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras realizaron a pasada fin de semana a segunda fase da recollida de mostras de sangue para o Proxecto Xenoma Galicia na que participarán cerca de 210 ourensáns.
Nesta segunda quenda foron convocados un total de 105 veciños de tres concellos da provincia de Ourense que foron invitados a participar neste proxecto: 35 veciños do Concello de San Cibrao das Viñas no Hospital Universitario de Ourense, outros 35 do Concello de Rubiá no Hospital Público de Valdeorras e por último tamén 35 veciños do Concello de Monterrei acudiron a súa cita no Hospital Público de Verín.
A posta en marcha na comunidade do proxecto Xenoma Galicia supón unha iniciativa pioneira que vai permitir avaliar o mapa xenómico de un de cada sete galegos, é dicir, 400.000 residentes na comunidade. Un feito que marca o inicio desta iniciativa, que botou a andar o pasado sábado e que continúa hoxe nos 14 hospitais galegos, coa recollida de probas a un total de 1.000 galegos.
O vindeiro ano 2025, o proxecto Xenoma Galicia continuará coa toma dun millar de mostras de saliva. Con esta fase piloto Galicia dá os primeiros pasos para un proxecto que amosa o bo facer e o traballo diario da sanidade pública galega e cuxo obxectivo é recompilar o ADN de 400.000 galegos de 35 a 70 anos para identificar variantes xenéticas de alto risco, o que permitirá detectar enfermidades antes de que aparezan e ofrecer tratamentos individualizados.
Neste sentido, nesta primeira fase, buscaranse alteracións relacionadas co cancro de mama e ovario hereditarios, o síndrome de Lynch e a hipercolesterolemia familiar. Ademais, Xenoma Galicia ten outros dous grandes obxectivos que pasan por crear un gran biobanco de datos xenómicos –con datos de 100.000 persoas e que servirá para a investigación biosanitaria– e consolidar a Galicia e Santiago como un polo de investigación e innovación na materia.
Cómpre destacar que a sanidade pública galega xa leva camiño andado para estar á vangarda da medicina personalizada, destacando a futura posta en marcha do centro de protonterapia en 2026 e o centro de terapias CAR-T que xa está operativo, así como na prevención ao ter o calendario vacinal máis completo do mundo, o cribado neonatal máis completo de España ou os programas de cribados de cancro.
O proxecto Xenoma Galicia é unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta a través da Consellería de Sanidade co liderado científico do director da Fundación Pública de Medicina Xenómica, o doutor Ángel Carracedo.