Máis de 4.300 nenos vacináronse en Ourense nas tres primeiras semanas da campaña da gripe

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras vacinou máis de 4.300 nenos e nenas nas tres primeiras semanas da campaña contra a gripe, o que supón un 21,6% da poboación pediátrica obxectivo.
Un total de 1.300 destes menores recibiron a vacina intranasal durante o programa piloto desenvolvido en dez colexios da provincia, unha fórmula “sen agullas” que facilitou a aceptación entre os máis pequenos. A actividade, que combinou saúde e diversión, incluíu xogos, talleres educativos e o tradicional “Carné de superheroe contra os bichos”.
A campaña continúa agora nos centros de saúde, onde as enfermeiras de pediatría están a citar aos nenos de entre seis meses e once anos. As familias que non puideron acudir na súa quenda poderán solicitar cita ata o 31 de decembro.
Desde a dirección de enfermaría da Área Sanitaria agradecen a colaboración dos colexios participantes, profesorado e familias, que contribuíron a que a experiencia fose positiva para todos.
A vacinación infantil fronte á gripe está incluída no calendario galego de inmunización e, segundo a Consellería de Sanidade, non só protexe aos nenos das complicacións propias da enfermidade, senón tamén ás súas familias e contorno, ao reducir a transmisión do virus.