Máis de 440 alumnos ourensáns participan no programa ‘That´s English’

OurenseXa
Ourense é a provincia galega con mellor acollida deste programa de formación en lingua inglesa impulsado polo Goberno
Eladio Santos e Nancy Casielles Iglesias
Eladio Santos e Nancy Casielles Iglesias
17 Jan 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou as instalacións da Escola Oficial de Idiomas en Ourense para coñecer de primeira man o programa ‘That´s English’, financiado polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Durante a visita estivo acompañada pola directora do centro, Nancy Casielles Iglesias, de quen coñeceu de primeira man o traballo que se leva a cabo neste centro en relación ao mencionado programa.

O programa ‘That´s English’ impártese en Galicia dende a súa creación en 1993, a través das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma. Ao longo da súa historia, o programa formou a case 50.000 persoas e 312 titores, sendo estes traballos de titoría realizados por profesores de escolas oficiais de idiomas e de centros de secundaria especializados en inglés.

Eladio Santos destacou que este programa “ten unha excelente dotación de medios técnicos e de formación” e subliña que “proba dilo é a repercusión que ten na provincia de Ourense, onde é valorado moi positivamente polas persoas que optan por este sistema de formación en idiomas”. Boa proba disto é que Ourense “é a provincia galega que conta co maior número de alumnos, chegando neste momento aos 446”.

O subdelegado explicou que o programa de formación en lingua inglesa “evolucionou tanto nos medios como nos contidos, actualizando completamente a súa plataforma de e-learning en 2019 e incorporando o nivel C1 a súa oferta formativa no curso 2020-2021, ademais da creación dunha app gratuíta con todos os contidos audiovisuais do curso en 2018”. Asemade, dende o curso 2023-2024 incorporouse á oferta académica un curso de preparación para o exame 100% en liña para preparar as probas de certificación dos niveis B2 e C1 das escolas oficiais de idiomas.

Por último, Eladio Santos quixo por en valor o “traballo e o esforzo do Goberno en apostar pola formación e a educación a través de programas como o ‘That´s English’, que permiten a poboación mergullarse no coñecemento e formación de idiomas”. Neste senso tamén apuntou que “o número de alumnos nos últimos anos e a mellora da oferta, permitiu que Ourense conte cunha formación de primeira liña e que permite a cidadanía reter novos coñecementos nunha materia tan importante como son os idiomas”.

0.13742780685425