Máis de medio cento de asociacións reclaman ao Concello de Ourense “unha planificación seria e adecuada” do transporte urbano

Ourense prepárase para a posta en marcha do novo mapa de transporte urbano, prevista para o 16 de setembro, pero a proposta do goberno municipal xerou preocupación entre a veciñanza. Máis de cincuenta asociacións veciñais e colectivos sociais participaron onte nunha reunión aberta organizada polo grupo municipal do PSdeG na Casa do Pobo para analizar os cambios e trasladar as súas demandas.
O PSdeG levaba semanas advertindo sobre os riscos de implantar “a calzador” o novo sistema de liñas de autobús que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, pretende iniciar proximamente. No último pleno ordinario, Jácome recoñeceu que non existe un estudo técnico que avale a remodelación, que non se contou coa participación cidadá, non se prevé unha proba piloto e que non haberá transparencia sobre os custes máis aló do que esixe a lei.
Natalia González, portavoz do PSdeG no Concello e secretaria xeral do partido en Ourense, subliñou: “As socialistas de Ourense deixamos claro que o noso obxectivo é garantir que ninguén quede atrás, poñendo orde, criterio e rigor na planificación do transporte urbano, da man do tecido social da cidade”. Engadiu: “Grazas á presión da veciñanza e ao labor de fiscalización que realizamos, Jácome vese obrigado a rectificar. Aínda estamos a tempo de evitar o caos e construír entre todas e todos unha rede de autobuses digna, eficiente e pensada para as necesidades reais de Ourense”.
O grupo socialista destaca que, grazas á insistencia veciñal e ás súas advertencias, o alcalde xa recoñeceu puntos conflictivos como Cabeza de Vaca, Velle, Cudeiro, Mende, avenida de Portugal e a Universidade, anunciando modificacións antes da posta en marcha.
Entre os cambios recentes inclúense axustes nos horarios da liña 3, a supresión do percorrido da liña 8 pola Chavasqueira, a eliminación do servizo directo a Mende na liña 9 ou a creación dunha liña 16 con frecuencias limitadas. Segundo González, “un rosario de axustes que evidencian a chapuza inicial e que se producen antes de que a nova rede comece a rodar”.
Durante a reunión, a veciñanza expresou a súa preocupación polos constantes cambios nas liñas, a falta de información institucional e a publicación de modificacións só nas redes sociais. Especial atención merecen os enfermos crónicos, que descoñecen o número de transbordos ou os tempos de espera, así como as persoas que utilizan o autobús para ir a centros educativos ou ao traballo.
As socialistas comprometeron-se a trasladar ao goberno municipal todas as rectificacións necesarias antes do 16 de setembro. “Quixemos abrir un espazo de diálogo co tecido asociativo, que será clave na construción dunha alternativa seria, compartida e que responda ás necesidades das persoas”, explicou González.
Entre as propostas do PSdeG para mellorar o sistema destacan os transbordos gratuítos, información en tempo real mediante xeolocalización e códigos QR, pagos modernos e inclusivos, accesibilidade garantida con sistemas de audio e paneis adaptados, así como unha cláusula de revisión a 3-6 meses da implantación baseada en datos obxectivos. Ademais, propoñen medidas específicas para familias numerosas, como bonificacións e creación dunha tarxeta familiar, e a extensión da gratuidade do transporte a nenos e nenas ata 12 anos.