Medio Rural inviste máis de 150.000 euros para fomentar o desenvolvemento rural na Peroxa

OurenseXa
Entre os proxectos destaca o Museo do Lebre, que foi apoiado a través da intervención Leader cun investimento de preto de 66.000 euros para a súa posta en marcha
m-jose-gomez-museo-do-lebre-a-peroxa
23 Apr 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, visitou este martes o concello ourensán da Peroxa, onde foi recibida polo alcalde, Manuel Seoane, para coñecer diversas iniciativas apoiadas pola Consellería para contribuír ao desenvolvemento das zonas rurais cun investimento de máis de 150.000 euros.

Neste sentido, a conselleira visitou o Museo do Lebre, unha proposta de recuperación etnográfica nada co obxectivo de revalorizar a figura do Lebre de Casarizas, un artesán multidisciplinar e inventor que trouxo a innovación ás tarefas do campo. As instalacións contan tamén cun punto de información para ofrecer asesoramento aos visitantes, así como datos doutros lugares de interese a nivel turístico no concello. Medio Rural, a través da intervención Leader, colaborou cunha achega de preto de 66.000 euros xestionada polo Grupo de Desenvolvemento Rural Adercou para a súa posta en marcha.

María José Gómez aproveitou a ocasión para poñer en valor unha vez máis este tipo de achegas e sinalou que en breve se publicará unha nova convocatoria das axudas para a execución de operacións de apoio de terceiras persoas, dotada cun orzamento de 12,6 millóns de euros, ao abeiro da intervención Leader no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común 2023-27.

A maiores, e como novidade, esta convocatoria inclúe o Bono Activa Rural polo que se apoiará a creación de actividades non agrarias nestas contornas, cunha aportación máxima de 18.000 euros e co compromiso do cumprimento do plan empresarial que garanta a súa viabilidade, polo menos, durante cinco anos.

Ademais, salientou a repercusión “moi positiva” que teñen este tipo de proxectos sobre o tecido socioeconómico das zonas rurais, xa que favorecen a mellora das condicións para crear e manter emprego nestes espazos e contribúen á súa dinamización impulsando a economía e asentando poboación.

Mellora de camiños

A conselleira do Medio Rural visitou tamén algúns dos camiños que se mellorarán ao abeiro do Plan Camiña Rural 2025-2026, co que se actuará en Ferradal, O Val, O Souto, Corvelle-Gueral e Corneda-A Touza, cun investimento de preto de 70.000 euros.

Neste sentido, Gómez resaltou a relevancia deste programa, dotado con 19,5 millóns de euros na convocatoria 25-26, para financiar as actuacións de mellora e mantemento dos camiños municipais que dan acceso a parcelas agrícolas. Por iso, fixo fincapé en que as infraestruturas viarias son “vitais” para xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo nestas zonas.

En definitiva, engadiu, facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, ao mesmo tempo que reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa e á fixación de poboación.

A maiores, a Consellería do Medio Rural destinou preto de 20.000 euros para un proxecto de construción de rede de saneamento en Gueral.

0.16488003730774