Menor destaca a futura Estación de Mercadorías Ferroviarias de San Cibrao para garantir a competitividade tecido industrial

A Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas celebrou este venres a súa asemblea nun acto que contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que destacou a importancia deste Parque Empresarial, o máis antigo de Galicia e que celebra este ano o seu 60º aniversario, como motor económico da provincia e un dos espazos produtivos máis relevantes da comunidade.
O polígono reúne 432 empresas e máis de 8.500 traballadores, unhas cifras que consolidan a San Cibrao como o principal foco industrial da provincia e un exemplo de xestión municipal de solo empresarial: o 71% das empresas do concello están asentadas nos seus parques, cunha facturación global de 1.660 millóns de euros e 5.718 empregos directos.
Neste contexto, o presidente provincial destacou a construción da futura Estación de Mercadorías Ferroviarias para garantir a competitividade e modernización do tecido industrial ourensán, unha infraestrutura que permitirá reducir custos loxísticos, ampliar conexións con España e Europa e reforzar a posición industrial dun ecosistema produtivo que inclúe tamén os polígonos de Barreiros, Pereiro de Aguiar e Seixalbo. En total, estes parques suman conxuntamente máis de 560 empresas, 12.500 empregos e 6,5 millóns de metros cadrados de solo industrial.
A localización desta terminal, lembrou o presidente, non é casual, xa que o 90% das mercadorías que se moven na provincia parten actualmente de San Cibrao. Deste modo, aproveitarase a conexión coa liña Zamora-Ourense e o AVE. Por iso, destacou Menor, a futura Estación de Mercadorías Ferroviarias de San Cibrao non é “un capricho, senón unha necesidade estratéxica”.
O presidente da Deputación reafirmou o compromiso económico da institución para apoiar a redacción do proxecto construtivo da futura terminal ferroviaria, reafirmando que se trata dun proxecto “de provincia, que require o compromiso do Goberno de España e no que a Xunta xa deu pasos firmes”.
“Ourense non quere ser un territorio de paso, senón un territorio de destino e oportunidade”, destacou, lembrando que esta infraestrutura “é un símbolo da ambición colectiva dunha provincia que, cando traballa unida, é capaz de facer realidade o que parecía imposible”.
Durante a súa intervención, o presidente puxo en valor o apoio institucional a este polígono, poñendo como exemplo a recente licitación da ampliación do parque empresarial de San Cibrao por parte da Xunta, así como a construción do Estacionamento Seguro xa operativo neste polígono, cun investimento de medio millón de euros, asumindo a institución provincial o 40% do seu custe.
Ademais, lembrou o traballo da Deputación no impulso doutras áreas industriais da provincia, como Carballiño-Maside, Pereiro de Aguiar, Xinzo de Limia e Paderne de Allariz, dentro dunha “planificación global e cooperativa de equilibrio territorial”.