Miguel Ángel Quntas, elixido novo presidente da Federación de DISCAFIS-COGAMI en Ourense
Tras contar co apoio unánime de representantes das súas 17 entidades membro, Miguel Ángel Quintas foi elixido presidente da Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Ourense DISCAFIS-COGAMI para os vindeiros catro anos. A decisión foi tomada durante a celebración anual das Asembleas Xeral Ordinaria e Extraordinaria.
O novo dirixente de DISCAFIS é unha persoa con experiencia nas causas sociais que entrou a formar parte da xunta directiva da entidade ALCER Ourense para logo ostentar a súa presidencia no ano 2023 e ao mesmo tempo estar dentro da directiva da Federación Alcer Galicia. Esta nova etapa supón “un orgullo completo, sempre foi unha máxima persoal axudar e estar dispoñible para os demais, na procura da mellora do seu benestar”, explica Quintas, quen engade que representar a tantas entidades de Ourense supón “un gran reto, polo que procurarei defender os seus intereses, darlles visibilidade e unir o máximo a todas as entidades para conseguir máis forza e maior representatividade”.
Esta nova etapa que encamiña Miguel Quintas estará acompañado por José Luís Parada como vicepresidente; Mónica Limia como secretaria xeral; Laura Quintas, a que foi presidenta durante 12 anos, será a tesoureira da entidade; e como vogais estarán Lorena Quintas, Lorena Rodríguez, Concepción Crespo e Susana Álvarez. Este novo equipo agradeceu o apoio recibido e quixo homenaxear a dúas persoas “históricas polo seu traballo incansable na defensa de dereitos das persoas con discapacidade en Ourense”, expresaba o presidente electo referíndose a Manuel Novoa e Constantino Guzmán. Agradeceu tamén a dedicación a Fernando Jiménez e Concepción Álvarez que participaron na anterior xunta directiva e que seguirán a colaborar coa entidade.
A xunta directiva marca como liñas principais para os vindeiros catro anos a mellora da autonomía das persoas con discapacidade física e orgánica; impulsar a participación activa das entidades e persoas con discapacidade das zonas rurais da provincia; mellorar a súa empregabilidade; conseguir a non discriminación das mulleres deste colectivo; garantir a igualdade de oportunidades na infancia con discapacidade empezando pola educación inclusiva e acadar mellor coordinación entre o ámbito social e o sanitario.
O acto de clausura contou coa asistencia do vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, quen recordou “a importancia do traballo en rede como fai o tecido asociativo de COGAMI a través das súas catro federacións provinciais e entidades membro que prestan servizos de atención ás persoas con discapacidade e familias”.