Noa Presas chama a concentrar o voto da clase obreira galega no BNG este 18F
cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, presenta nun acto as propostas de goberno en material laboral entre as que destaca a creación dunha Mesa pola Industria, específica para Ourense, e comprométese a reverter a precarización dos servizos. Noa Presas destaca o Pacto pola Ciencia que impulsará desde o goberno galego o BNG , así como o incremento do investimento en I+D que cree postos de traballo e condicións laborais dignas para a clase traballadora galega.
Fronte ao “modelo de precariedade”, con salarios baixos e peores condicións de traballo, que deixa o PP, a cabeza de lista do BNG avanza o compromiso e aposta do BNG para acadar calidade no emprego e unha economía baseada na ciencia e na innovación, na que os mozos e as mozas non se vexan obrigados a emigrar porque aquí non teñen oportunidades. Unha economía na que, destacou, a industria teña peso e Galiza sexa capaz de atraer investimentos para crear riqueza e un futuro mellor.
“Este 18F xogámonos o futuro de Ourense e o futuro de Galiza, tamén como clase traballadora. Porque a única forza política capaz de impulsar a transformación social e económica que precisa e merece este País e, sobre todo, Ourense” destaca Presas. Neste sentido, chama a concentrar o voto da clase traballadora galega na papeleta do BNG este vindeiro 18-F como o único “garante para a mellora das condicións de traballo e o desenvolvemento socioeconómico”.
Plan de reindustrialización e Mesa pola Industria
Presas anunciou que o Goberno liderado polo BNG porá en marcha un plan para a reindustrialización nunha aposta decidida pola ciencia e a tecnoloxía. “Un país sen industria está condenado a ser mero consumidor do que producen outros e carece de futuro”, asegurou no encontro.
Así mesmo, o BNG propón o Plan e Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industria que ten por obxectivo aumentar en seis puntos o peso da industria no PIB, até chegar ao 23%, e crear doce mil empregos no período 2024-2030. Trátase dun plan enfocado a pequenas e medianas empresas (PEMES) con proxectos a longo prazo e que sexan capaces de establecer redes de cooperación con outras empresas locais e con capacidade de internacionalización.
Por outra parte, Presas asegurou a creación dunha Mesa pola Industria co obxectivo de desenvolver todas as infraestruturas pendentes e aumentar o chan industrial, impulsando polígonos pendentes como o de Tamagos. “É precisa unha estratexia específica de reindustrialización que aproveite o potencial existente en sectores como a automoción e que aposte pola modernización e o fomento de sectores punteiros como o da lousa” afirma.
O Innogal e o Pacto pola Ciencia
Ademais deste plan, o programa nacionalista inclúe outras medidas estratéxicas para reindustrializar Galiza, como a creación do Innogal, un instituto público similar ao Icrea catalán ou o Ikerbasque destinado a reter talento científico e promover a I+D+i. Presas considerou clave a posta en marcha deste organismo porque, destacou, “non queremos competir con baixos salarios senón con coñecemento, poñendo a Galiza á vangarda en ciencia e en investigación”.
Así mesmo, Presas destacou a necesidade de incrementar o investimento en ciencia I+D de maneira progresiva até o 3% do PIB en 2030. “Queremos asegurar a definición da carreira profesional investigadora para todo o persoal científico-técnico que desenvolve a súa actividade nos centros de investigación e prestación de servizos tecnolóxicos” asevera a cabeza de lista por Ourense.