“Non imos permitir un traslado que non garanta os dereitos das nais”

OurenseXa
A portavoz da Asociación de apoio á lactancia materna Arrolos de Teta, Parvati Devi, denuncia que o traslado da sala de partos “non garante as mínimas condicións asistenciais” e pide que se paralice ata atopar unha solución
sos-sanidade-publica-ourense-arrolos-de-teta-manifestacion-saala-dee-partos-chuo
13 Jul 2025

O traslado da sala de partos do hospital de Ourense xerou unha gran polémica nas últimas semanas, especialmente entre as mulleres embarazadas de Ourense e colectivos como Arrolos de Teta. A súa portavoz, Parvati Deva, denuncia que “a información ofrecida pola administración é contraditoria e xera unha gran incerteza, con consecuencias directas sobre a calidade e seguridade da atención ás futuras nais”.

A portavoz do colectivo Arrolos de Teta describe a situación como totalmente “caótica”. “As mulleres que van parir agora nin sequera saben onde van estar”, sinala. Explica que, aínda que desde a Área Sanitaria se informou internamente de que o traslado se faría entre o 14 e o 15 de xullo, agora a previsión é que non se faga ata como mínimo o xoves, 17 de xullo. Para o colectivo, isto demostra a “incerteza” e a falta de previsión por parte da Consellería de Sanidade, que segue xustificando un traslado con todas as garantías asistenciais pero que “nin sequera sabe cando se vai facer”.

Conta que as matronas foron as primeiras en detectar o problema e que a mobilización comezou grazas a elas e ás mulleres embarazadas que asistían ás clases de preparación ao parto: “Activámonos e promovemos todas as accións posibles, e foise sumando toda a xente que se sentía aludida”.
Así, as mulleres embarazadas de Ourense denuncian atoparse nunha situación de “total vulnerabilidade”. Primeiro, porque non saben onde van ter que parir de forma inminente e, segundo, porque as novas instalacións “non garanten as mínimas condicións asistenciais”.

De feito, Devi explica que as tres matronas que entraron a ver as novas instalacións xunto co Director Asistencial da Área Sanitaria de Ourense, Eloy Sánchez, insistiron ao saír en que a área non estaba preparada e que a resposta de Sanidade foi un chamamento á calma xustificando que o traslado é temporal. Porén, lembra a portavoz, esta temporalidade pode estenderse como mínimo tres anos. “Non se levanta un edificio enteiro da noite para a mañá”, comenta. “Xogan coa manipulación, dicindo que van investir máis de 2,7 millóns no novo edificio e que está todo planificado, pero nós preguntamos pola planificación do traslado, e nese sentido a resposta non é clara”, asegura. “Aínda non hai nada feito, só se colocaron os raís e os lavalouzas”.

Pero a situación, lembra, vén de lonxe. Hai anos que o Materno Infantil se atopa nun estado practicamente ruinoso. Tecos gretados, portas desconchadas, cortinas con fungos, ventás rotas e os soados derrubes nos teitos. O último, e co que o movemento de protesta colleu máis forza, nun corredor de pediatría.

“O edificio está desafiuzado, non se investiu nel durante anos porque se ía derrubar”, denuncia. Así, durante anos, as instalacións estiveron practicamente abandonadas. “Ter un edificio así é totalmente neglixente”, asegura. As obras de apuntalamento, denuncia, fixéronse “de présa e correndo” para evitar máis derrubes, pero “o ano pasado os obreiros tiñan orde de non pintar”, comenta, como exemplo da deixadez que se aprecia na sexta planta do edificio.

Sobre as salas actuais, comenta: “As salas de dilatación son corredores cun só lavalouzas e hai que cruzar para acceder ao baño. Non teñen bañeira nin nada. Por sorte, hai unha sala que chamamos ‘sala de parto natural’, que é a única digna que temos, con ventá, baño propio con ducha e bañeira, e máis espazo”. Digna, di, en certo modo, xa que “non cumpre co que implica unha sala de parto natural, que debería ser un espazo respectuoso”.

Agora, ás futuras nais espéranas unhas instalacións moito peores, explica. “O espazo reduciuse a apenas 120 metros cadrados. Din que non van poñer cortinas senón mamparas, coma se iso garantise a intimidade das nais”. Ademais, “vai haber un baño compartido para todas, co que iso supón para unha muller de parto, que ten que usar o baño continuamente”. “Están vulnerando os nosos dereitos” cunhas instalacións que, ademais, “poñen en risco a saúde das crianzas”, di.

“A evidencia científica di que para a muller é necesario sentirse segura. A oxitocina, a hormona principal para a dilatación e expulsivo, non é compatible coa adrenalina, que aparece cando hai inseguridade ou perigo. Cando hai exposición ou sensación de perigo, a adrenalina súbese e os resultados maternos e fetais empeoran”. Así, sinala, ter que parir nun espazo separado meramente por biombos, cortinas ou mamparas, “vulnera mesmo a protección de datos da paciente”, di, “porque escoitase absolutamente todo”. Por iso, desde Arrolos de Teta piden á Consellería de Sanidade que escoiten as súas demandas e paralicen un traslado que “non cumpre coas condicións necesarias”.

“Non imos permitir que nos trasladen a un espazo que vulnera os dereitos fundamentais das nais”, asegura. “Preferimos as actuais instalacións, aínda que tampouco teñan as condicións axeitadas. O que esiximos é que nos sigan deixando parir aí ata que non se atope unha solución ao problema”.

Ademais, lembra que a falta de intimidade e espazo afecta tamén á posibilidade de ter acompañantes durante o parto. “En espazos tan pequenos, á mínima intervención xa hai que mandar aos acompañantes fóra porque non hai espazo para que estean”. Ademais, móstrase preocupada polos partos que presenten complicacións xa que o espazo, explica, “non é o axeitado para ningún tipo de intervención”.

“Non imos permitir que poñan en risco a saúde das nais e dos seus fillos”, afirma. “Eu espero que paralicen o traslado”. Lembra, ademais, que para este luns está convocada unha nova manifestación ás portas do CHUO para pedir á Consellería que poña freo ao traslado da sala de partos.

Respecto ao apoio por parte das administracións, Devi é clara: “Non sentimos apoio de ninguén. Os únicos que nos estamos movendo somos colectivos como Marcha Mundial das Mulleres, a Asociación Galega de Matronas, os sindicatos do hospital ou plataformas como SOS Sanidade Pública. Nin a Deputación, nin o Concello, por exemplo, fixeron nada para presionar ou sequera se preocuparon”.

“As instalacións non garanten os nosos dereitos, por moito que intenten negalo. Pero é que ademais, sabemos que esas carencias estruturais non só poñen en risco os dereitos das nais, senón que tamén poñen en risco a saúde materno-fetal. Estamos a falar dun risco para a saúde pública e imos ter peores resultados materno-fetais, peores resultados na lactación materna. As deficiencias estruturais están vulnerando os dereitos das nais e dos seus fillos e fillas. Non se pode permitir”.

⚙ Configurar cookies
0.19600701332092