Nova protesta ás portas do CHUO polo traslado da sala de partos

OurenseXa
Diversos colectivos piden ao Sergas unha solución mentres Sanidade insiste en que se garantirán “as máximas condicións de calidade asistencial”
sos-sanidade-publica-ourense-arrolos-de-teta-manifestacion-saala-dee-partos-chuo
Concentración no CHUO polo traslado da sala de partos
11 Jul 2025

O traslado da sala de partos do CHUO continúa a xerar un intenso malestar entre as mulleres embarazadas de Ourense e colectivos como Arrolos de Teta ou a Asociación de Matronas de Galicia, que levan días alertando de que este traslado non garantirá a seguridade das nais. Unhas denuncias ás que tamén se sumaron a CIG-Saúde, a plataforma SOS Sanidade Pública Ourense, así como o BNG e o PSOE.

O punto en común son as “deficiencias” detectadas nas instalacións do Hospital Xeral que van acoller os servizos do Hospital Materno Infantil unha vez se concrete o traslado. As matronas advirten de que os novos espazos son reducidos, sen salas de parto natural, con accesos compartidos con cirurxía e sen as garantías necesarias para preservar a intimidade das mulleres e a correcta atención aos recén nacidos. Unha situación que, din, “vulnera os dereitos das mulleres e a dignidade das matronas, que traballarán en condicións que poñen en risco a calidade asistencial”.
O traslado, previsto para a vindeira semana, provocará, segundo as denuncias dos diversos colectivos, que as mulleres teñan que dar a luz separadas unicamente por cortinas e sen baño propio.
Por este motivo, o colectivo de apoio á lactación materna Arrolos de Teta convocou este venres unha nova concentración ás portas do edificio, que foi secundada por decenas de mulleres que esixen ao Sergas unha resposta clara ás súas demandas e, sobre todo, que se garantan os dereitos das nais. “Parir con dignidade é un dereito, non un luxo, e a saúde das mulleres e dos bebés non se negocia”, din desde Arrolos de Teta, que denuncian que o novo espazo da sala de partos “non é apto para facer ningunha intervención sanitaria”.

Porén, desde o Sergas continúan negando esta situación. O propio conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou esta mañá que o traslado farase garantindo “as máximas condicións de calidade asistencial”. Din desde o Sergas que o traslado é temporal e que se fará “con todas as medidas de seguridade e equipamento preciso para esta función”.

“Trátase dun traslado temporal ata que se rematen as actuacións previstas no Plan Director do Hospital Universitario de Ourense para dotar dun novo edificio moderno, funcional e adaptado ás necesidades presentes e futuras da atención obstétrica e xinecolóxica de Ourense”, explican desde Sanidade.

Ademais, insisten en que “durante a localización transitoria de obstetricia na Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA), o paritorio disporá dunha área independente con acceso diferenciado, con dous quirófanos, tres salas de dilatación —con lavamáns—, dúas salas de expansión e outras zonas de monitorización —todas elas pechadas con divisións ríxidas—, unha área de recuperación, baños, duchas, lavamáns, controis de enfermaría, almacéns... nunha área moderna con luz natural, climatización e todos os recursos necesarios para prestar unha asistencia obstétrica de calidade”.

Este novo espazo provisional, explican, planificouse para dar resposta temporal á actividade habitual de partos, con capacidade para dar resposta rápida a necesidades de expansión, posibilidade de ampliar os quirófanos, boa comunicación co conxunto do hospital, a poucos metros da nova unidade de hospitalización e gabinetes de xinecoloxía e obstetricia, e próxima a pediatría.

“Na execución destes traballos, tanto a Consellería como a Xerencia da área sanitaria primaron en todo momento garantir a calidade asistencial, a seguridade e o benestar das pacientes, dos neonatos e dos profesionais, mantendo sempre abertos o diálogo, a revisión e a incorporación de melloras que contribúan a unha mellor atención dos pacientes”. Ademais, insisten en que “onte mesmo realizouse unha visita ás instalacións co persoal sanitario e técnico para revisar circuítos e áreas de mellora”.

Para o Sergas resulta “incuestionable que esta área provisional representa unha mellora substancial con respecto á situación actual no Materno Infantil”, que, hai que lembrar, acumula xa varios derrubes nos falsos teitos.

⚙ Configurar cookies
0.13154697418213