O apagamento rematou en Ourense “sen apenas incidentes”

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, agradece á veciñanza da cidade polo seu comportamento cívico durante o apagamento xeral que se produciu en España e Portugal durante a xornada de onte e ao longo da noite pasada. Pérez Jácome deu os parabéns a todo o persoal do Concello polo seu traballo para afrontar esta situación de emerxencia.
O alcalde presidiu un gabinete de emerxencia/crise que estivo operativo e en coordinación cos diferentes servizos municipais e demais administracións. No gabinete participaron, xunto ao alcalde e o goberno municipal, os mandos da Policía Local de Ourense (a xefa de Policía, os 3 inspectores principais e varios oficiais), os mandos do servizo de Bombeiros, e o equipo de Protección Civil, que permaneceron tamén en comunicación co Subdelegado de Goberno e do delegado da Xunta en Ourense.
O alcalde activou o gabinete de crise de xeito informal tras ter coñecemento dos feitos, cando se atopaba no cuartel de Santa Mariña para asistir ao acto de toma de posesión do xefe da Comandancia da Garda Civil.
A unidade de crise constituíuse logo de xeito formal para coordinar os traballos desde a sede da Policía Local de Ourense, na rúa Xesús Pousa, xa que a Casa do Concello quedara ás escuras, ao non dispoñer de xeradores.
O gabinete iniciou unha rolda de reunións para tomar contacto presencial coas diferentes administración públicas. Achegouse en primeiro lugar á Policía Nacional, que lle garantiu ao alcalde que se reforzarían os efectivos para velar pola seguridade na cidade durante a noite.
A continuación, acudiu á sede da Xunta de Galicia, onde se coordinou para manter comunicación mediante emisoras vía satélite como fórmula máis segura de coordinar os traballos ao longo de toda a xornada.
Paralelamente, os servizos de seguridade cidadá municipais reforzaron a súa dotación de persoal para atender as necesidades que se puidesen producir. A Policía Local de Ourense dobrou o número de efectivos, incorporando 8 policías máis para a xornada de noite, para un total de 18 que percorreron pola noite as rúas da cidade. O servizo de Bombeiros de Ourense contou con 2 mandos, 14 bombeiros, un técnico e un administrativo e Protección Civil, mobilizou unha vintena de efectivos.
Persoal de Alcaldía desprazouse a gasolineiras da cidade para bloquear e garantir o aprovisionamento de combustible non só para atender as necesidades do Concello senón tamén para uso de servizos públicos dependentes doutras administración Así, un total de 14.000 litros de gasóleo foron bloqueados coa finalidade de dotar de subministración ao Complexo Hospitalario, á residencia, a centros de menores, ao servizo de abastecemento de auga e a edificios como as sedes da Policía Local, Bombeiros e outros organismos oficiais.
Pola noite, tamén se desprazou a estación de tren, onde se comprobou que unhas 25 persoas, ían pernoctar e recibiron comida por parte da Cruz Vermella.
O transporte público en autobús urbano funcionou até a última hora da noite, e tamén desde primeira hora da mañá, tamén os taxis.
O alcalde felicitou esta mañá a todo o persoal do Concello polo traballo realizado, cunha “mención especial para aqueles non profesionais, os voluntariado de Protección Civil, que estiveron dispoñibles e operativos, tamén pola noite, traballando e comprobando que todo funcionase ben”.
“Non houbo ningunha carencia nin falta de persoal”, salientou o alcalde, quen permaneceu comunicado e en contacto cos diferentes servizos municipais e administracións públicas de xeito físico ou con walkie- talkie”, xa que non había ningunha outra vía de comunicación dispoñible para transmitir mensaxes ou comunicados á cidadanía.
O alcalde rematou dándolle as grazas á cidadanía: “a noite foi moi tranquila. Quitando algún grupo illado, o comentario xeral é que todo o mundo quedou na casa, a xente comportouse moi ben e a cidade de noite estaba completamente baleira. Foi unha noite sen apenas incidencias”, concluíu.