O autor Bruno Rúa presentará o seu novo libro ‘As aldeas da alta Limia’ no Ateneo  de Ourense

OurenseXa
Será este venres, 20 de decembro, na sede provisional do Ateneo de Ourense no Centro Cultural Marcos Valcárcel
centro_cultural_marcos_valcarcel_recurso
Centro Cultural Marcos Valcárcel
19 Dec 2024

O Ateneo de Ourense organiza este venres, 20 de decembro, a presentación do libro "As aldeas da alta Limia" de Bruno Rúa.

O autor é licenciado en Filosofía, pola rama de antropoloxía social e cultural. Leva dedicado os últimos 20 anos a rastrexar, catalogar, buscar e codificar todos os datos do patrimonio da comarca do Támega ou Monterrei. No 2007 publicou unha Guía arqueolóxica do Alto Támega, seguido anos despois por un catálogo de 230 petróglifos da comarca dos que só estaban catalogados 27. Eso levoulle a pensar na creación dunha colección de patrimonio dedicada a Taboada Chivite con libros temáticos de catalogación dos que ata agora leva publicado: Petróglifos do Alto Támega, Mámoas, Estelas e Pedrafitas, Os castros e as súas lendas, Cruceiros  e Petos de Ánimas... E presentou este ano dous libros máis referentes a Igrexas e Mosteiros, e outro de Capelas e Ermidas.

Hai outro libro que foi o que máis o marcou e que dedicou ás aldeas, unha por unha, da comarca do Támega, Aldeas da Tamagania, onde fai un catálogo de historia, anécdotas, curiosidades de todas e cada unha. Para facelo visitou todas esas aldeas, falou con miles de persoas e fotografou ao completo esas aldeas, é dicir ,creou un catálogo para a memoria desas aldeas ante a súa desaparición case inevitable e agardando con esperanza a súa supervivencia. Pero como non podía quedar nunhas fronteiras irreais e xa rematara o traballo do Támega, traspasou esas fronteiras para seguir catalogando aldeas, un traballo fascinante e pedagóxico. E así foi estudando aldeas, tanto das Frieiras, de Conso, do Bolo, de Vinhais, de Chaves, de Montalegre e, por suposto, da Limia, do que o venres 20 de decembro presenta este traballo de 316 aldeas catalogadas no Ateneo de Ourense.

Será o vindeiro venres, 20 de decembro, ás 19.00 horas na sede provisional do Ateneo de Ourense, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, rúa do Progreso 30.

0.079308032989502