O barrio de Covadonga celebra as súas festas con música, xogo e tradición

O barrio de Covadonga prepárase para vivir tres días de celebración cheos de música, diversión e tradición. As festas comezarán este venres, 12 de setembro, coa actuación da Orquestra Metrópolis, que dará inicio á programación de actuacións na Praza de Covadonga.
O sábado 13, as actividades diríxense especialmente ás familias e aos máis pequenos. Pola tarde, entre as 16:30 e as 19:30 horas, haberá colchonetas e xogos gratuítos para que os nenos poidan disfrutar da xornada ao aire libre. Á noite, a festa continuará cunha Disco Móbil acompañada dunha churrascada que incluirá criollo, chourizo, empanada, panceta e churrasco, ademais de pan, viño, gaseosa, auga e bica, cun prezo de 15 euros por persoa, que se podía reservar do 1 ao 5 de setembro na asociación e no autoservizo Covadonga. A partir das 23:00 horas, os asistentes poderán gozar da música en directo do grupo Los Camachuelos, seguida dunha sesión de Disco Móbil a partir das 00:30 horas.
O domingo 14, as celebracións terán un carácter máis tradicional, comezando coa Misa Solemne e procesión, que contará coa participación da charanga Os Centellas. Despois, a sesión vermú permitirá que veciños e visitantes compartan un ambiente festivo na praza.
Para garantir a seguridade durante as actividades, será necesario cortar o tráfico en varias rúas do barrio. A Praza de Covadonga e a rúa Neptuno pecharanse á circulación cada día desde as 17:00 horas, mentres que o domingo, coincidindo coa procesión, o acceso á praza e ás rúas adxacentes permanecerá cortado entre as 13:00 e as 14:00 horas, afectando a Rampla Zaragoza, a rúa Guizamonde e a rúa Neptuno.