O BNG acusa a Sanidade de “violencia obstétrica” polo traslado da sala de partos do Materno de Ourense

A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas vén de rexistrar no Parlamento Galego iniciativas para “pedir de forma urxente que Sanidade negocie co persoal e co asociacionismo o traslado da sala de partos do Materno para non empeorar a atención das mulleres. É impresentable ter un goberno que incorre novamente en violencia obstétrica ao non garantir uns servizos propios do século XXI e facer unha proposta que escandaliza ás mulleres e ao persoal, que non foi escoitado malia trasladar propostas concretas encamiñadas a manter a calidade, a seguridade e os dereitos das mulleres no proceso de parto”.
Para o BNG “é unha situación escandalosa: despois de ter anos funcionando un edificio que o PP sabía que tiña que derrubar, despois de ter caído o teito dunha sala de partos e que nada se fixera e despois de que a presión do BNG a Xunta recoñecera que a demolición do Materno Infantil vai ser aínda no segundo semestre do ano 2027 agora veñen cunha proposta inaceptable, que é rexeitada por asociacións de maternidade como Arrolos de Teta e polo propio persoal da área de partos e de espertar, que xa remitiu queixas e alternativas ignoradas por unha Xerencia absolutista que non escoita”
Presas sinala que “a proposta é impropia do século XXI, non garanten a seguridade nin a privacidade segundo o propio persoal e as asociacións de maternidade que denuncian como as mulleres van ter que dilatar nunha zona compartida e exposta separada por cortinas, nas salas de dilatación non vai haber lavabo nin auga corrente e non se garante tampouco que situación e condicións van ter as mulleres que realicen un aborto, sexa terapéutico ou escollido nin un acceso adecuado a quirófanos e sala de partos.”
Ademais, desde o BNG insisten en que “este traslado non se pode cualificar de provisional porque vai estar mínimo 4 ou 5 anos entre esperar a demolición do materno e a nova construción”. Así, desde a organización nacionalista “apoiamos as súas demandas e esiximos que o SERGAS sente a dialogar e faga un traslado en condicións que garanta a privacidade, a seguridade, o respecto ás escollas no parto, os criterios das e dos profesionais e todas as recomendacións da OMS e do sistema nacional de saúde e que respecte os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres de Ourense”