O BNG asegura que o peche da da oficina de Naturgy en Celanova é “un novo ataque contra a veciñanza do rural”

O BNG da comarca de Celanova Baixa Limia ven de denunciar o peche da oficina de atención ao público de Naturgy en Celanova, unha decisión adoptada pola compañía sen dar explicación algunha e que prexudica gravemente ás persoas usuarias das comarcas da Baixa Limia e da Terra de Celanova, especialmente ás máis vulnerables.
O BNG anuncia que levará iniciativas políticas ao Concello de Celanova, á Deputación de Ourense e ao Parlamento de Galicia e nas que demandará a reapertura inmediata da oficina de Naturgy en Celanova. Tamén avanzan os nacionalistas que esixiran que as administracións públicas tomen medidas fronte ao abandono do rural por parte de grandes empresas que seguen a obter cuantiosos beneficios de recursos públicos do territorio no que desatenden á poboación. Para as nacionalista cobra especial importancia que se avalíe o compromiso das compañías eléctricas co territorio, sobre todo aquelas que operan en réxime de concesión ou aproveitamento de bens comúns, “ a veciñanza que agora vai ter que percorrer máis de 150 km de ida e volta para as súas xestións, entre Ourense e Lobios, vive ao carón dun dos grandes encoros de Galicia”.
O deputado nacionalista no parlamento de Galicia, Iago Tabarés, calificaba o peche da oficina de Naturgy en Celanova como unha nova mostra do abandono ao que as grades eléctricas somenten ao rural galego, “explotan os nosos recursos mentres eliminan os servizos á veciñanza”. Desde o BNG esiximos, di Tabarés, que a Xunta actúe con firmeza, obrigando a estas empresas a manter a atención presencial nos territorios onde operan e garantan que os beneficos dos nosos recursos queden aquí e ao servizo da veciñanza.
Pola súa banda o Portavoz provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, cualificou esta medida como "un novo capítulo no interminable proceso de desmantelamento dos servizos no rural galego" e alerta das consecuencias directas que terá sobre unha poboación maioritariamente envellecida e sen acceso á atención presencial doutros xeitos.
"É unha mostra máis da impunidade coa que operan as grandes enerxéticas no noso país, empresas que explotan os nosos recursos naturais, como a auga, pero que non devolven servizos nin beneficios aos territorios nos que operan", denunciou a portavoz provincial do BNG.
Erenesta Seoane, Responsable comarcal do BNG de Celanova e da Baixa Limia lembrou que a Baixa Limia foi sacrificada hai décadas ás grandes infraestruturas hidroeléctricas e que, malia iso, as comarcas seguen a ser das máis envellecidas, despoboadas e esquecidas.
Desde o BNG consideran inadmisíbel que a única alternativa que se lles de ás persoas usuarias sexan canles telemáticas ou telefónicas, especialmente cando son servizos deficientes e inaccesíbeis para moita xente maior, ou cando a atención presencial era a única garantía de solución de problemas reais e inmediatos.
"Non imos quedar calados. Non podemos permitir que nos sigan tratando como cidadáns de segunda. O rural tamén existe, e tamén ten dereito a servizos básicos", concluíu a Ernesta Seoane.